Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Concello de Brión organiza a primeira rota de sendeirismo polo municipio

O 23 de setembro dá comezo o programa ‘Coñece Brión’, unha iniciativa do Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Brión. Mediante esta iniciativa veciños e foráneos poderán achegarse máis de preto ao municipio para entender e apreciar o seu patrimonio histórico e natural.

A primeira proposta do programa será unha rota de sendeirismo circular que parte e remata na aldea de Forxán. Esta rota é unha das máis fermosas do municipio e denomínase ‘Rota dos Cruceiros’. A dificultade da camiñada é media-baixa. O prazo de inscrición para participar será ata o día 22 na Casa da Cultura. O Concello porá á disposición dos participantes un servizo gratuíto de transporte.

Os encantos da rota

O sendeirismo é xa unha actividade tradicional en Brión. Na imaxe que se vos presenta podedes ver tres sendeiristas recorrendo precisamente no pasado ano a ‘Rota dos Cruceiros’. Para os interesados diremos que este traxecto comeza no cruceiro da aldea de Forxán e rodea esta poboación pasando por un castro sen escavar desde o que se pode ver unha fermosa vista do río Tambre.

Diríxese logo ao río Traba, discorrendo pola súa beira entre a Ponte dos Carros e a Ponte da Igrexa. Neste tramo atópanse varios muíños de interese. Ao chegar á Ponte da Igrexa, cóllese á dereita dirección Pousada, onde se poden ver tres cruceiros de distinto tipo, destacando o chamado da Goriña, cruceiro de capela do ano 1673, o máis antigo do concello.Atravesando a aldea de Pousa, regrésase finalmente á beira do río Traba ata a igrexa de Santa María de Viceso e de aí ata o punto de partida.
Cabe destacar que hai tramos desta rota que coinciden co Camiño Francés, como se pode ver nas sinalizacións das zonas de Pousada e a igrexa de Viceso, especialmente.
Ana Valín (Gabinete de Prensa do Concello de Brión)