Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Innovación e Industria presentou aos axentes sociais o borrador do Plan de Viabilidade para o Desenvolvemento da Industria Naval na Ría de Ferrol

A Consellaría de Innovación e Industria presentou en Santiago a empresarios e sindicatos o borrador do plan de viabilidade para o desenvolvemento da industria naval na ría de Ferrol, que segundo explicou o titular da Consellaría, Fernando X. Blanco, estará aberto agora ás achegas dos axentes sociais. Blanco salientou o carácter “aberto” do proxecto e explicou que se inicia agora un prazo de tempo para que sindicatos e empresarios analicen o documento e, en posterior reunións, acordar a incorporación de posibles novas liñas de traballo co obxectivo de lograr “o mellor e máis unánime proxecto posible”.

O titular de Innovación e Industria explicou que “estamos a falar da industrialización de Ferrol no seu conxunto aínda que a industrial naval se está a abordar dun xeito específico”. Dende unha perspectiva xeral Fernando Blanco citou algunhas apostas que xa se están a desenvolver na comarca como a creación da Axencia Galega de Desenvolvemento Industrial, a posta en marcha do Centro Tecnolóxico do Naval ou a implantación dalgunha empresa de software.

No tocante á industrial naval en concreto, o conselleiro nacionalista avanzou que o plan inclúe unha aposta pola construción de plataformas asimétricas con alto valor tecnolóxico as que, segundo dixo, “o propio Centro Tecnolóxico do Naval tamén lles pode prestar axuda”. Así mesmo, tamén anunciou que este plan de viabilidade conta tamén co sector das reparacións, ao que se dotará dunha mellor coordinación e funcionamento. Blanco sinalou que se analizaron polo miúdo as ameazas dun sector complexo e difícil, pero tamén as fortalezas coas que conta o sector en Ferrol, como o seu “know-how”, as infraestruturas e unha man de obra moi cualificada. “Pensamos que podemos fabricar determinadas plataformas off shore e on shore, ou tamén barcos determinados nos que tamén temos experiencia”, explicou. Para o titular de Innovación e Industria, o sector é complexo pero tamén está en crecemento e, segundo dixo, “a cuestión é ter unha parte dese crecemento”. No tocante ás condicións que impón a Unión Europea para o sector, Blanco explicou que o proxecto inclúe varias fórmulas que se van estudar agora para salvar as limitacións comunitarias.

A Consellaría de Innovación e Industria remitirá un borrador do plan tamén á SEPI e, segundo dixo o seu titular, unha vez rematado o proxecto definitivo plantexará á Sociedade un diálogo “que redunde en beneficio de todos”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia