Quintana anuncia a construción de 10 galescolas e 8 centros de día como primeiras actuacións do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

O vicepresidente explicou aos profesionais este novo mecanismo de xestión que permitirá facilitar o desenvolvemento dos recursos nas áreas de igualdade e benestar, a asegurou que o Consorcio vai garantir a responsabilidade pública e a cooperación interadministrativa na prestación dos servizos sociais, establecendo un sistema de colaboración estable entre a Xunta e os concellos. Neste senso, asegurou que vai permitir cambiar o modelo anterior de prestación dos servizos e facer fronte ás súas deficiencias: oferta insuficiente, carácter fragmentario e descontinuo na xestión e cobertura territorial, e falla de mecanismos efectivos de coordinación entre os sistemas de protección social.
Anxo Quintana tamén aludiu, entre os novos mecanismos de xestión que está a poñer en marcha o seu departamento, á Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso), participada pola Xunta e polas principais caixas de aforros galegas, que fará posible a creación de cinco novas residencias de ámbito comarcal.
Mapa de servizos
Entre as liñas que está a desenvolver a Secretaría Xeral do Benestar, o vicepresidente presentou tamén o documento preliminar do que será o primeiro mapa de servizos sociais de Galiza. Segundo dixo, nel apóstase por unha demarcación territorial lóxica e coherente que permita atender as especificidades territoriais e posibilite situar os equipamentos máis axeitados onde realmente se precisan.
Inclusión social
Ao respecto doutras actuacións prioritarias, fixo referencia ao novo Plan de Inclusión Social para loitar contra a pobreza e a exclusión e adiantou a posta en marcha o próximo ano de 21 equipos de atención nas zonas máis castigadas pola pobreza e o desemprego, reforzando especialmente a atención ás mulleres. Nesta liña, citou ademais a atención en situacións de emerxencia a persoas sen fogar e á modificación da lei RISGA (Renda de Integración Social de Galicia) para convertela nun verdadeiro instrumento para a normalización da vida das persoas.
Entre as medidas nas que se traballa, está tamén a posta en marcha dunha liña de inserción laboral destinada ás persoas discapacitadas, ás minorías étnicas e á mocidade galega, tanto no medio urbano coma no rural.
Compromiso co benestar
Quintana lembrou que o seu departamento asumiu dende o primeiro momento o reto de levar a cabo a revolución tranquila do Benestar como mellor mostra do seu compromiso de país, porque “a través das políticas de benestar tamén se fai país”. O vicepresidente lembrou que “un ano despois as bases desta revolución tranquila no eido social están establecidas”.
Amosouse convencido de que “as galegas e os galegos son cada vez máis conscientes de que un maior autogoberno implica un mellor goberno, máis recursos e oportunidades para unha sociedade máis xusta e equitativa”. Así, engadiu que as políticas de igualdade e benestar son o campo no que se pode definir unha nova relación co Estado, sen dependencias nin xerarquías.
Como exemplo, citou a consecución dun financiamento de 60 millóns de euros a maiores do previsto inicialmente para a aplicación da Lei de Dependencia en Galiza e que supoñen un primeiro paso para saldar a débeda histórica do Estado coa comunidade. Neste acordo, subscrito entre a Vicepresidencia e o Ministerio de Traballo asumiuse o maior custo que os servizos que prevé a norma teñen aquí, como consecuencia da dispersión e do envellecemento da poboación, ao tempo que se recoñeceu a competencia exclusiva en materia se servizos sociais.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia