Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

180 veciños de Codeso, Orto, Reboredo, Ardilleiro Pequeno e Ardilleiro Grande, afectados polo cambio de trazado do TAV, demandan un pleno extraordinario ao alcalde de Boqueixón

Señor Don Adolfo Gacio, Alcalde do Concello e Presidente do Partido Popular
de Boqueixón:

Os abaixo asinantes, veciños de Boqueixón afectados polo tren de alta
velocidade, alarmados e defraudados polo cambio de postura de vostedes,
pedimos ó noso alcalde e ó Partido Popular de Boqueixón que nos volvan a
axudar fronte a teima economicamente interesada de Villar Mir que, sen que
nós lle fixesemos nada, segue ano tras ano querendo botar o tren enriba de
nós.

Queremos que saiban que a “pequena variante” da que fala Ramsa é, en
verdade, o famoso “trazado pantasma” que parte en dous as parroquias de
Codeso, Orto e A Granxa, derribando unhas casas e expulsando das restantes
(sen indemnización) ós veciños de Souto do Gafo, Orto, Reboredo, Ardilleiro
Pequeno, Ardilleiro Grande...,  que non poderíamos vivir pegados a un tren
que xa non iría en túnel e trincheira, como agora, senón en superficie á
altura ou por riba das  nosas casas, facendo un ruído e unhas vibracións do
demo, polo día e pola noite, imposibles de aturar.

Solicitamos pola presente ó presidente da corporación municipal de
Boqueixón, e a todos os partidos alí presentes, a convocatoria urxente dun
pleno extraordinario onde os representantes da nosa Coordinadora de
Afectados teñan a posibilidade de intervir, igual que se lles permitiu ós de
Ramsa o pasado 7 de setembro, co fin de que o Concello de Boqueixón confirme
unha vez máis as anteriores posturas por unanimidade de respaldo ós veciños
e ó trazado oficial, que non supón perigo algún para os postos de traballo
pois consta ben clariño na Xunta de Galicia que esta mina ten cuarzo para
outros 90 anos, para a nosa desgracia porque está  destruíndo a serra sen
deixar nada no noso concello. Demandamos que nesta renovada moción que
pedimos do Concello de Boqueixón, amparando ós seus veciños, esíxase o pago
das expropiacións de terras xa feitas así como que comecen de inmediato as
obras do túnel co máximo respecto ás nosas augas, pistas, campos e casas.
Coordinadora Afectados TAV