Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Lalín acolle o 7 de outubro o primeiro partido oficial internacional da Selección Galega de Rugbi que se enfronta á Selección de Bearn (Francia)

O estadio Manuel Anxo Cortizo de Lalín acolle o sábado 7 de outubro ás 18.30 horas o primeiro partido internacional de carácter oficial que disputará unha Selección Galega, concretamente a de rugbi, que se enfrontará á selección de Bearn (Francia) na xornada de apertura do Campionato de Europa de Rexións.

Na presentación deste encontro, celebrada esta mañá no Auditorio Municipal de Lalín, estiveron presentes o alcalde de Lalín e presidente da Fundación Deporte en Lalín, Xosé Crespo Iglesias; o presidente da Federación Galega de Rugbi, Juan Manuel Espiña; e o presidente do Club Rugbi Lalín, Manuel González Aller.

Xosé Crespo aproveitou a súa intervención para agradecer “a confianza depositada pola federación en Lalín para acoller este partido histórico” e convidou a todos os lalinenses, dezanos e galegos a acudir o sábado para arroupar á Selección e “suplir co calor da afección a superioridade deportiva que a priori ten o rival”. Co ánimo de encher o Manuel Anxo Cortizo, a entrada para este partido será gratuita.

Pola súa parte, Juan Manuel Espiña augurou “un gran espectáculo deportivo” e destacou que grazas a encontros como este Galicia e Lalín están a soar internacionalmente pola súa afección ao rugbi, feito constatado tamén na recente elección da xogadora lalinense Rocío García Eiras como mellor pellier do Campionato do Mundo celebrado en Edmonton (Canadá).

Finalmente, o presidente do Club Rugbi Lalín lamentou “a escasa repercusión” que está a ter nos medios de comunicación públicos de carácter autonómico “esta cita histórica para o rugbi galego” e contrastou esta situación co respaldo institucional e mediático que tivo o debú da Selección Galega de Fútbol a pesares de non tratarse dun partido oficial.
Concello de Lalín