O presidente da Xunta anuncia que o Goberno asumirá a reparación das infraestruturas públicas danadas e habilitará axudas para os danos en vivendas e comercios afectados polos enchentes en Cee e comarca
O titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou na localidade coruñesa de Cee que a Xunta de Galicia porá en marcha con carácter inmediato unha liña de axudas encamiñada a paliar os danos ocasionados polos enchentes rexistrados recentemente neste municipio, así como nos veciños de Dumbría, Corcubión e Fisterra. O presidente da Xunta asumiu a reparación das infraestruturas públicas danadas, os danos en vivendas e os desperfectos causados en locais comerciais -naquelas partes que non cubran os seguros- a través da posta en marcha dunha liña de axudas.O presidente da Xunta realizou este anuncio logo dunha xuntanza mantida no Salón de Actos do Concello de Cee con veciños afectados polas inundacións, á que tamén asistiu o alcalde da localidade, José Antonio Domínguez, e o Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu. Tras destacar que o Consello da Xunta de onte coñeceu un primeiro informe de avaliación da situación, Touriño puxo de manifesto o obxectivo do Goberno galego de que se restableza a normalidade canto antes nos núcleos afectados.
Redeseñar a canalización
Paralelamente, o titular do Goberno galego anunciou a vontade de articular, desde Augas de Galicia, unha serie de accións que permitan “redeseñar e actuar sobre os actuais sistemas de canalizacións dos ríos en Cee” co obxectivo de que se poidan protexer mellor os leitos fluviais. Deste xeito, ao actuar sobre a canalización poderían evitarse ou reducirse situacións como as ocasionadas por mor das últimas precipitacións na zona, que segundo destacou Touriño, acadaron o pasado luns máis de 80 litros por metro cadrado durante cinco horas seguidas. Así, destacou que se está a levar a cabo ademais a limpeza das canles dos ríos e dos sistemas de canalización e abastecemento de auga.
O próximo luns, técnicos da Consellería de Presidencia, da Alcaldía de Cee e do Consorcio de Compensación de Seguros que engloba aos afectados reuniranse para facer unha avaliación exhaustiva da situación e poder compensar economicamente canto antes aos damnificados.
Neste sentido, o máximo mandatario autonómico anunciou que a Consellería de Innovación e Industria xa habilitou unha orde de axudas cunha contía inicial de 1 millón de euros para atender os danos nos comercios.
A Xunta mantén a colaboración con todas as alcaldías afectadas para poñer en marcha os dispositivos para atender as situacións complicadas que se poidan volver a producir nestas localidade e para comezar a reparación da infraestruturas danadas e rematar cos problemas de accesibilidade e mobilidade.
Na súa vista de hoxe, o presidente da Xunta visitou Dumbría, Cee e Corcubión e tivo ocasión ademais de coñecer de primeira man os danos, e de falar cos veciños que se viron afectados polos enchentes. Touriño trasladouse a pé á zona máis afectada de Cee e tamén coñeceu en Dumbría os danos orixinados nunha estrada comarcal que se viu seriamente afectada polas intensas precipitacións.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia
