Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

As obras da autovía do Barbanza contan cun orzamento de 127'2 millóns de euros e un prazo de execución de 27 meses

O desdobramento da actual Vía do Barbanza, para a súa conversión en autovía, permitirá incrementar a capacidade de tráfico e a seguridade viaria nun trazado que rexistra un alto índice de sinistralidade e mortalidade.

Cunha lonxitude de 40,100 quilómetros, dos que 10 discorren en variante, a futura autovía entre Padrón e Ribeira contará con dúas calzadas de 7 metros cada unha, separadas por unha mediana de 1,2 metros -o que elimina o risco de colisión frontal-, con beiravías exteriores de 2,5 metros e interiores de 1 metro. Ademais, de cara a gañar máis cotas de seguridade, ampliaranse os radios das curvas e reduciranse as pendentes.

O trazado contará con doce enlaces -adaptación dos xa existentes- que permitirán o acceso á autovía dende os principais núcleos de poboación da zona e facilitarán a comunicación na comarca do Barbanza. Trátase, en concreto, das conexións de Padrón (N-550), Dodro-Lestrove, Rois-Imo, Bexo, Catoira-Vilagarcía, Rianxo, Taragoña, Boiro, Pobra (Norte e Sur), Palmeira e, finalmente, Ribeira.

O proxecto contempla, por outra parte, a construción de 11 viadutos, que permitirán salvar a orografía da zona, canles fluviais e outros obstáculos, entre os que destaca pola súa singularidade o viaduto sobre a Ría de Arousa, de 700 metros de lonxitude.

A Autovía do Barbanza contará con 51 pasos inferiores e 29 superiores, que facilitarán a comunicación entre ambas marxes. Esta infraestrutura viaria beneficiará, non só aos máis de 80.000 habitantes dos concellos polos que discorre (Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal e Ribeira), senón tamén ao resto da poboación galega, dado que mellorará considerablemente a comunicación cunha comarca de gran interese turístico como é a do Barbanza.

As obras iniciadas hoxe contan cun prazo de execución de 27 meses, cunha redución de nove meses sobre o período establecido nas condicións do concurso público.

Concesión a 30 anos

A construción, financiamento e explotación desta infraestrutura corresponde á sociedade “Autovía del Barbanza, Concesionaria de la Xunta de Galicia, S.A.”, adxudicataria da concesión e integrada polas empresas Itinere Infraestruturas, S.A. e Corporación Caixa Galicia.

Esta sociedade asume na súa totalidade o financiamento das obras, nas que investirá un total de 127.199.339 euros, cantidade na que se inclúe o custe das expropiacións (5,5 M €) e da vixilancia e seguimento ambiental e patrimonial (0,2 M €).

Como contraprestación e unha vez posta en servizo a totalidade da autovía, a CPTOPT aboará á concesionaria un canon de demanda que virá determinado polo número de usuarios desta infraestrutura, sen que estes teñan que pagar ningún tipo de peaxe. A concesión para explotar a Autovía do Barbanza ten unha vixencia de 30 anos, contados a partir da posta en servizo da totalidade desta infraestrutura.

Así mesmo, a Consellería esixirá uns niveis de calidade aceptables, tanto no que se refire á construción da autovía como ao seu mantemento e conservación. Neste senso, establecerá uns indicadores de calidade do servizo e do estado da infraestrutura de xeito que o seu grao de cumprimento repercutirá directamente nas achegas que a sociedade concesionaria reciba do departamento de Política Territorial.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia