Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pérez Touriño destaca que os orzamentos da Xunta para 2007 mobilizarán 2.688 millóns de euros en investimentos

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, salientou que os orzamentos de Galicia para o ano que vén mobilizarán un investimento de 2.688 millóns de euros. Así, destacou que os presupostos permitirán pór en marcha iniciativas e proxectos que mellorarán as infraestruturas e os equipamentos físicos da comunidade. Dentro delas, o xefe do Executivo fixo fincapé en que as infraestruturas do transporte recibirán nestes presupostos un 11% máis de recursos que o ano pasado, acumulando así un 30% de incremento con respecto aos de 2004.

“Constitúe un esforzo moi potente que sae da contribución dos cidadáns, non é un mérito do Goberno, senón a aplicación dunha xerarquía de decisións, de prioridades. É unha aposta moi potente nas infraestruturas e no equipamento do país”, enfatizou o presidente, quen destacou que o Goberno que dirixe está a xestionar estes recursos de forma eficiente.

Así o manifestou Pérez Touriño no Porto Exterior de Ferrol ata onde se desprazou para presidir o acto de entrega do Premio San Telmo 2006 a obra de enxeñería civil máis representativa construída no ano en Galicia que lle foi concedido á ampliación das instalacións portuarias ferrolás.

Licitación moi importante

Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño constatou que ata o pasado mes de agosto os Gobernos central e autonómico licitaron obra pública “en volumes moi importantes”. Así, explicou que a Administración Xeral do Estado licitou obra por valor de 1.105 millóns de euros, mentres que a Xunta de Galicia fixo o propio por valor de 395 millóns, unha licitación conxunta de 1.500 millóns en só 8 meses.

Respecto aos datos da Xunta de Galicia, o presidente explicou que estes 395 millóns de euros supoñen un 19% máis có licitado en 2002, un 30% máis que en 2003 e un 28% de incremento sobre 2004.

En referencia aos datos estatais, significou que o licitado neste ano é un 300% superior ao de 2001, un 166% superior ao de 2002 e un 50% superior ao de 2005.

“É importante que deamos información e a recoñezamos como tal para que creza a confianza, a estabilidade e as ganas de investir en Galicia”, salientou.

Plan de Infraestruturas

O máximo mandatario galego explicou que a Consellería de Política Territorial está a traballar na elaboración do Plan de Infraestruturas do Transporte 2006-2013, un plan “que necesita o país” e que permitirá segundo indicou, que a comunidade conte coa “previsión anticipatoria” necesaria para traballar neste eido con estabilidade e coordinación.

Así, manifestou a súa confianza en que este plan sexa “de todos, de Galicia” de xeito que permita marcar un horizonte para os retos e compromisos do Goberno en materia de obra pública e de artellamento territorial en infraestruturas.

Ademais, o presidente adiantou que o vindeiro ano Galicia contará por primeira vez na súa historia cunhas directrices claras de ordenación territorial, o que permitirá ter “unha previsión razoable, pactada e consensuada de ordenación do territorio, de protección do litoral e de axeitamento das infraestruturas a esa ordenación”. “Ese é o esforzo no que estamos a traballar dende o necesario concurso de ideas dos profesionais, que teñen que ser co-protagonistas”, manifestou.

Actuacións en Ferrol

O presidente do Goberno destacou que o Premio San Telmo ao Porto Exterior supón un recoñecemento non só do Colexio de Enxeñeiros de Camiños a esta infraestrutura senón de toda a sociedade a unha obra “ben feita”, así como a mobilización de recursos realizada para a súa execución.

Neste sentido, explicou que o Porto Exterior supón “unha opción estratéxica” polo extraordinario tamaño e volume de recursos dedicado a esta obra, que superou os 150 millóns de euros. Pérez Touriño lembrou que este porto gozará de operatividade os 365 días do ano e gabou a magnífica liña de atraque dun quilómetro coa que contan as instalacións, así como os 20 metros de calado ou as 90 hectáreas de superficie das mesmas.

Para Pérez Touriño, o Porto Exterior permitirá situar a Galicia nun posto senlleiro de cara á captación de tráficos marítimos e situala nas futuras autoestradas do mar, o que definiu como unha opción estratéxica.

A este respecto, o titular do Goberno galego significou que o acceso por estrada ao Porto Exterior estará rematado a finais do ano que vén e lembrou que nesta actuación se están a investir 75 millóns de euros. O presidente fixo fincapé en que nesta estrada de 15 quilómetros se está traballando con intensidade nun horario ininterrompido de sete da mañá a once da noite.

Ademais, comprometeuse a que o necesario acceso ferroviario a estas instalacións portuarias figure no Plan de Infraestruturas que está a elaborar o Goberno galego. E salientou que a Xunta traballará co Ministerio de Fomento e cos operadores para acadar este servizo ferroviario.

Finalmente, manifestou a súa confianza en que antes de fin de ano o seu Goberno presente o Plan Integral de Desenvolvemento de Ferrolterra actualmente en elaboración. O presidente incidiu en que os presupostos xerais do estado para 2007 consignan unha partida de 45 millóns de euros que se completan cos 4 millóns destinados polo Goberno galego nos orzamentos presentados onte.

Neste acto, o presidente da Xunta estivo acompañado, entre outros, pola conselleira de Política Territorial, María José Caride, o presidente da Autoridade Portuaria, Amable Dopico e o responsable de Portos de Galicia, Vicente Irisarri.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia