Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Xornadas de Debate sobre os Lumes: cómpre unha nova política forestal consensuada que poña en valor o monte

Os días 20 e 21 de outubro celebrouse en Compostela, organizadas pos ADEGA, as Xornadas de Debate sobre os Incendios forestais na Galiza. No decurso destas xornadas analisouse toda a problemática que envolve a este andazo periódico xa endémico na nosa terra. Despois de escoitar aos diferentes ponentes, podemos concluir, que :

Galiza está inmersa nunha revolución social, territorial e mesmo climática, que esixe unha actuación enérxica e valente pola parte da adminisración e de toda a cidadanía. As mudanzas sociais, interactúan coas mudanzas ambientais, provocando os desastres que coñecimos este verao como grande vaga de lumes, mas tamén están detrás doutras desgrazas como as actuais enchentes, ou a destrucción dos bancos marisqueiros.

A desorganización dun territorio submetido á unha presión urbanística sen paralelo na historia, en combinación coas plantacións masivas de especies pirófitas, o abandono do agro como unidade productiva plural, alén da perda dunha cultura baseada nunha explotación sustentábel do medio, deron como resultado a facilidade de prender lume e que estes alcaden a categoría de catastrófe, como ven acontecendo desde hai 20 anos.

-Demándase unha nova política forestal, que implique unha viraxe de leme para invertir a tendencia ao abandono do agro. Unha nova política agroforestal que atenda á problemática das especies invasoras como o eucaliptus, por ser pirófita, e as ubique no lugar ecolóxico que lles corresponda.

-Unha política agroforestal que naza de un grande pacto político e social. Implicados nela os diferentes departamentos da administración: Industria, Medio ambiente, Educación, Ordenación do territorio, Presidencia, etc, asi como Comunidades Veciñais de Montes de Man Común e propietarios forestais.

-Unha política agroforestal que contemple a adaptación ao mundo moderno de antigas prácticas agrícolas como o silvopastoreo, como xeito de aproveitamento sustentábel do monte.

-Unha actitude política da Xunta, en xeral, para escoitar e aproveitar as propostas do mundo científico, en particular galego, que levan experimentando e traballando nas causas, prevención, e recuperación dos incendios.

-Unha política da Xunta que elabore protocolos de prevención e atención a saúde humana, que agora están desatendidas.

-Unha política educativa, tanto reglada como dirixida á povoación en xeral, para que comprendan e valoren a importancia do medio e do monte en particular.

Acadamos o compromiso de parte do Director xeral de Montes, (Medio Rural) e do Director Xeral de Desenvolvimento Sustentábel (Medio Ambiente) de incidiren na transversalidade do problema dos incendios en toda a Xunta de Galiza e de promover ese grande pacto político que se demanda, asi como na implementación de novas políticas agroforestais encamiñadas a prevención dos incendios antes que a sua extinción. Tenderase á profisonalización dos corpos de extinción, e ao estabelecimento de unidades permanentes de prevención de incendios.
Adela Figueroa Panisse, presidenta de Adega