Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Máis de 120 centros participan en programas destinados a mellorar o rendemento académico do alumnado

A conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, presentou en rolda de prensa as medidas postas en marcha este curso 2006/2007 pola Administración educativa autonómica de cara a paliar o fracaso escolar. Sánchez Piñón destacou que uns 15.000 alumnos de 120 centros beneficiaranse do programa PROA (Programa de Reforzo, Orientación e Apoio a centros) e do plan de mellora da calidade nos centros docentes. Así, a titular de Educación destacou que o primeiro dos programas conta cun investimento de 2.038.200 euros, cofinanciados polo Ministerio de Educación e Ciencia (MEC) e a Consellería, achegando cada unha a metade deste importe, isto é, 1.019.000 euros.

A máxima responsable do departamento educativo galego sinalou que este curso o programa PROA, posto en marcha o pasado ano académico en 40 centros da Comunidade, esténdese a 36 novos centros, que foron seleccionados atendendo aos seguintes criterios: que estiveran situados en zonas desfavorecidas e/ou con taxas altas de alumnado inmigrante; que presentaran unha taxa de idoneidade baixa (elevado número de alumnos que no tiñan a titulación que lles correspondía por idade); e que tiveran un gran número de alumnado e unha ratio profesorado/alumnado alta. Neste senso, a conselleira de Educación sinalou que o curso pasado participaron no programa PROA unha media de 1.000 alumnos, e este ano farano uns 3.040 estudantes, o que supón un incremento do 204%.

Laura Sánchez Piñón fixo referencia a un primeiro balance do programa, do que se desprende que os profesores participantes valoran positivamente o efecto da súa aplicación na mellora das capacidades dos alumnos e afirman que seguirían participando no programa.

Pola súa banda, os titores consideran suficiente a coordinación dos profesores e positiva a labor do coordinador e ven positiva a aplicación do programa en lectura e escritura; e os alumnos cren que melloraron en lingua e matemáticas e que teñen máis ganas de estudar e máis motivación para asistir ás clases.

Así, a conselleira de Educación sinalou que os obxectivos deste programa son potenciar a aprendizaxe e o rendemento escolar do alumnado; mellorar a súa integración social; facilitar a continuidade na progresión da acción educativa; e contribuír ao incremento da taxa de éxito escolar. Segundo indicou Sánchez Piñón, o programa PROA presenta dúas modalidades de accións: de acompañamento, para a súa aplicación en educación primaria e secundaria obrigatoria; e de apoio a centros de educación secundaria.

Dos 36 novos centros, 18 participarán na modalidade de acompañamento escolar en educación primaria; 9 na modalidade de acompañamento escolar en educación secundaria; e outros 9 na modalidade de apoio e reforzo en educación secundaria. O curso pasado, foron 20 os centros participantes na modalidade de acompañamento escolar en educación primaria; 10 na de acompañamento escolar en educación secundaria; e 10 na modalidade de apoio e reforzo en educación secundaria.

Plan de mellora da calidade

Laura Sánchez Piñón presentou tamén o Plan de mellora da calidade nos centros docentes, no que participarán este curso 2006/2007 uns 12.000 alumnos de 46 centros educativos. A conselleira de Educación destacou que a Administración educativa galega inviste 120.000 euros nesta iniciativa, coa que este departamento busca fomentar a avaliación da práctica educativa dos centros docentes; propiciar unha avaliación interna nalgún aspecto curricular ou organizativo; fomentar un plan de centro e mellorar a calidade; e incentivar a innovación e a investigación na propia acción docente.

A máxima responsable da Administración educativa autonómica salientou que os centros seleccionados para participar neste programa reciben entre 1.000 e 6.000 euros; ademais de asesoramento por parte dos Centros de Formación e Recursos; seguimento por parte da Inspección Educativa; e certificación de participación aos compoñentes.

O plan de mellora da calidade nos centros docentes convocouse en maio e na selección dos centros participantes tivéronse en conta as súas programacións didácticas; o apoio educativo e plan de acción titorial; o emprego no deseño de aula das competencias básicas; a atención á diversidade; e a avaliación e criterios de promoción. Neste senso, Laura Sánchez Piñón destacou que a maioría dos proxectos presentados polos centros incidían na mellora do rendemento académico dos seus alumnos como aspecto principal a mellorar.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia