Touriño sostén que os investimentos portuarios na Coruña, Ferrol e Vigo marcan un antes e un despois e unha nova fronteira aos portos de Galicia

Así o destacou o Xefe do Executivo galego na Coruña durante a súa visita á autoridade portuaria da cidade e ás novas instalacións da lonxa coruñesa, á terminal de contedores, ao proxecto Medusa e ás obras de construción do Porto Exterior da cidade herculina en Punta Langosteira. Na súa visita estivo acompañado pola conselleira de Política Territorial, María José Caride, o delegado do Goberno, Manuel Ameijeiras, o alcalde da cidade, Javier Losada, e o presidente da Deputación, Salvador Fernández Moreda.
Espazo de oportunidade e de futuro
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico manifestou que os investimentos que están a realizar para construír o Porto Exterior da Coruña permitirán abrir un espazo de oportunidade e de futuro de “extraordinaria potencia” para o desenvolvemento socioeconómico da Coruña e a súa área metropolitana. Así, sinalou que as magníficas condicións de “enclave estratéxico” deste porto se están a sumar os traballos para posicionar o porto de xeito competitivo a nivel internacional.
Neses traballos, o máximo mandatario galego fixo especial fincapé nas obras de Punta Langosteira nas que se investirán máis de 500 millóns de euros cofinanciados en parte por fondos europeos. “Na Coruña, estamos rediseñando o futuro da fronte portuaria de Galicia. Estamos alumeando un gran porto exterior que marca un antes e un despois, e da unha nova fronteira aos portos de Galicia”, destacou Touriño, quen remarcou que esta ampliación permitirá gañar competitividade nos tráficos marítimos internacionais.
Xunto a esta grande aposta, Pérez Touriño situou os investimentos que se están a realizar na remodelación do “gran porto do sur” de Vigo, así como os de Vilagarcía e Marín e no conxunto de portos galegos. “Hai unha aposta decisiva para que Galicia gañe ese espazo que ata agora non puido gañar e consolidar amplamente, ese espazo atlántico, esa fronte portuaria”, sinalou.
Nesa liña, o presidente indicou que os investimentos que se están a facer pretenden colocar a Galicia nunha posición competitiva para gañar “a batalla das autopistas do mar”.
Proxectos para A Coruña

A estes dous proxectos sumou o presidente a potenciación da lonxa e o establecemento dunha nova ruta para tráfico de contedores, “que está crecendo de forma significativa e que ten sen dúbida un desenvolvemento futuro moi importante”.
Ademais dos proxectos portuarios, Pérez Touriño salientou as melloras de accesibilidade e mobilidade que a Xunta está a acometer na cidade. A este respecto, resaltou a liberación da peaxe do treito A Coruña-A Barcala e os orzamentos consignados para a construción do vindeiro ano da terceira rolda de circunvalación da cidade e a vía ártabra, que permitirá mellorar a conexión da área metropolitana. “Trátase de dar saída e dun novo impulso ás necesidades da área metropolitana, de reinventar unha nova opción de crecemento. Son grandes inversións e o ano que vén recibirán toda a potencia que teñen que ter nos presupostos para o seu nacemento con intensidade”.
En terceiro lugar, o xefe do Executivo galego manifestou que o seu Goberno está “facendo os deberes” nun asunto vital para a cidade como é a depuración e o saneamento, capítulo ao que tanto o Estado como a Xunta dedican “cantidades inxentes” para a construción da estación depuradora de augas residuais e o emisario de Bens.

Unhas actuacións para a cidade da Coruña, en suma, ás que o Goberno galego dedicará nos seus presupostos para o vindeiro ano máis de 55 millóns de euros. “É un compromiso potente e extraordinario da Xunta para que a cidade e a súa área metropolitana teñan unha nova fronteira”, concluíu.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia