Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Crónica dunhas enchentes anunciadas: montes queimados, fortes chuvias e urbanismo insustentábel, detrás das enchentes

O entubamento dos ríos, a cementación das canles, a construcción nas chairas de inundación ou os recheos das xunqueiras son algunhas das intervencións que rematan facendo dun fenómeno meteorolóxico intenso, unha catástrofe cidadá. A deficiente e irresponsábel planificación urbanística de moitos concellos, que non teñen en conta os aspeitos ambientais nin os riscos xeolóxicos á hora de construir nas beiras dos ríos ou ocupar o litoral con recheos e faraónicos paseos marítimos, non sae de balde: trae as consecuencias que estamos a sofrer, polo demáis previsíbeis.

As fortes chuvias atópanse ademáis nas cabeceiras dos ríos cun sustrato arrasado polos incendios e desprovisto de vexetación. O solo non é quen de reter as augas de escorrentía que arrastran ademáis cinzas e sedimentos río abaixo cara o mar. Neste traxecto, encontran as súas canles naturais entubadas e as superficies de inundación ocupadas por vivendas. Como consecuencia, a auga busca o seu camiño provocando graves enchentes precisamente naquelas áreas máis desnaturalizadas. Como exemplo, na parte nova de Cée entubáronse e desviáronse varios regatos e recheouse unha inmensa superficie de xunqueira prelitoral: aí é onde se rexistraron as enchentes máis graves. Mentres, no casco vello da vila, cun urbanismo máis respectuoso co entorno apenas sufriron os efeitos das avenidas.

Deste xeito, as actuacións agresivas sobre o medio unidas á imprevisión e a unha grave falla de planificación territorial, contribúen a transformar en catástrofe o que en principio é un fenómeno natural estatísticamente previsíbel. As riadas son procesos naturais que contribúen á depuración natural das canles, alén de fertilizar as ribeiras cos nutrintes que arrastran os sedimentos. Non ter en conta esta dinámica hidrolóxica no país dos mil ríos é alén dunha irresponsabilidade, resulta unha temeridade.

Precisamente, ADEGA quere chamar a atención sobre a pouca responsabilidade dalgúns alcaldes e políticos que se laian agora das consecuencias dunhas enchentes que, en grande medida, están provocadas pola súa nefasta xestión urbanística. Demándanse axudas e subvencións cando se investíu en cemento, recheos e paseos marítimos unha inxente cantidade de recursos, sen ter en conta as consecuencias. Por outra banda, seguimos a ver nos orzamentos do estado partidas que contemplan actuacións no dominio público hidráulico cualificadas de “rexeneración ambiental” ou “rehabilitación”. Algunhas destas actuacións son intervencións ambientalmente agresivas para “humanizar” espazos costeiros ou fluviais e aumentar o seu “atractivo” turístico como paseos marítimos e fluviais, diques, dragados, etc.

ADEGA reclama das administracións maior sensatez e previsión á hora de xestionar o territorio e actuar sobre o dominio público hidráulico. Construir nas chairas de inundación, entubar os regos, encher de cemento as beiras dos ríos e a beiramar con paseos fluviais e marítimos, son actuacións que rematan saíndo moi caras.
Adega