Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O conselleiro de Presidencia reúnese cos alcaldes dos concellos afectados polas inundacións na provincia da Coruña

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, mantivo unha xuntanza de traballo en Cee cos alcaldes dos concellos coruñeses afectados polo temporal, para revisar a situación de recuperación da normalidade en todos estes municipios. Nela, os rexedores municipais entregáronlle a documentación descriptiva cos danos producidos polas choivas tanto nas infraestructuras de titularidade municipal como en vivendas particulares.

Así mesmo, na reunión tratouse a efectividade dos medios postos neste momento á disposición dos alcaldes, como os xefes directos de Protección Civil en cada concello. Segundo afirmou o conselleiro, “a situación está, nese sentido, razoablemente ordenada”.

Méndez Romeu tamén adiantou que será, probablemente, na xuntanza semanal do Consello da Xunta, cando se aprobe o marco de axudas compensatorias por esta situación. “Máis adiante haberá que iniciar os traballos de reparación, substitución ou reparación das infraestructuras danadas”, engadiu.

Na reunión participaron os alcaldes de Cee, Camariñas, Corcubión, Dumbría, Fisterra, Mazaricos, Muros, Muxía, Padron, Rois, Vimianzo e Zas. “Temos xa as estimacións de danos de moitos concellos, e entre mañá e pasado teremos a totalidade –considerou o titular de Presidencia-. Son aproximacións iniciais pero suficientes para e fundamentais para iniciar o proceso de axudas”.

Sobre as causas das inundacións, Méndez Romeu sinalou como principal evidencia os índices pluviométricos das últimas datas, xa que superan “amplamente” as medias habituais, o que produce as inundacións e os desbordamentos de ríos, e polo tanto problemas nas vivendas colindantes. “A partir de aí, existe unha evidencia de causas concorrentes que poden agravar os problemas nalgunhas zonas e que terán tamén que ser analizadas para adoptar medidas estructurais para o futuro –declarou-. Pero iso é un labor máis complexo, máis técnico, que xa se está comezando a facer pero que aínda non podemos enunciar con toda rotundidade”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia