Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ricardo Varela subliña o valor das cooperativas como instrumento óptimo de contribución ao desenvolvemento sostible e ao benestar social

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, manifestou o seu convencemento de que “o potencial das cooperativas é fundamental para o desenvolvemento do noso país”. Varela fixo estas declaracións no transcurso da súa intervención na inauguración das XI Xornadas de Investigadores en Economía Social e Cooperativa, organizadas polo CIRIEC (Centro Internacional de Investigación e Información sobre la Economía Pública, Social y Cooperativa) en colaboración co Centro de Estudios Cooperativos da Universidade de Santiago de Compostela, que se desenvolven na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.

No seu discurso, Varela destacou que os plans estratéxicos da economía social que se están levando a cabo en distintas comunidades autónomas son instrumentos que axudan a maximizar o potencial das fórmulas de economía social en canto a factores de dinamización socioeconómica.

O conselleiro de Traballo recordou que o seu departamento está a traballar no Plan Estratéxico para o Cooperativismo, coa participación activa de organizacións de cooperativas, cooperativistas, universidades, técnicos da Administración, axentes económicos e sociais, así como de cualificados expertos. Por iso, ao seu xuízo, este proxecto será “unha folla de ruta de primeira orde e lexitima sólidamente as actuacións que de levarán a cabo para darlle efectividade”.

“Non me cabe dúbida de que o Plan Estratéxico do Cooperativismo está sendo é será unha ferramenta de maior trascendencia e importancia para o sector e o seu contido vai a ser, nos próximos anos, o marco de referencia para o movemento cooperativo galego”, engadiu.

Ricardo Varela indicou que coa posta en marcha desta iniciativa dentro do ámbito da economía social búscase facer das cooperativas estruturas modernas e competitivas que, aproveitando os recursos locais, poidan competir nun mercado globalizado. Deste xeito, sinalou, “impúlsase a mentalidade emprendedora, a redistribución de recursos, a solidariedade e a responsabilidade social, características desta fórmula empresarial”.

Este Plan Estratéxico do Cooperativismo está asentado no diagnóstico exhaustivo do modelo cooperativo da autonomía galega contida no Libro Branco do Cooperativismo.

O conselleiro de Traballo explicou que para o Goberno galego as cooperativas representan realidades “fortemente asentadas no territorio”, cunha “enorme vinculación” co seu entorno e coas súas xentes, o que as converte “nun instrumento óptimo para frear o proceso de despoboación das zonas rurais e, así, contribuír ao desenvolvemento sostible e ao benestar social”. No mundo laboral isto significa “cristalizar o obxectivo do pleno emprego e o control por parte do traballador do seu entorno laboral e productivo”, indicou o responsable da área de Traballo da Xunta.

As cifras do cooperativismo en Galicia

Na actualidade, Galicia conta con 1.019 cooperativas activas inscritas nos rexistros de cooperativas, sendo as máis numerosas as cooperativas agrarias, que ademais son as que contan cun maior número de socios. Tamén predominan as de traballo asociado, que son as fórmulas empresariais que experimentan un incremento máis considerable.

En termos de creación de emprego, hai un total de 10.714 traballadores nas cooperativas galegas, de tal xeito que o emprego cooperativo directo representa o 0,96% do total de ocupados galegos. Se falamos en termos de emprego indirecto, “podemos dicir que o efecto conxunto das cooperativas no emprego chegaría ao 2,02% dos ocupados” manifestou Varela.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro de Traballo asegurou que a economía social engloba “como principio e máxima”, a construcción “dunha sociedade sen exclusións que promova o pleno desenvolvemento das capacidades de todos”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia