Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

2 de abril de 2004: 500 días despois do afundimento do Prestige

O día 2 de abril de 2004 cúmprense 500 días dende o afundimento do Prestige no Atlántico fronte as costas galegas. Neste tempo podemos destacar unha serie de feitos a nivel ecolóxico que dan unha idea da catástrofe:
• segue a haber unha gran cantidade de fuel
no pécio e máis fuel ‘perdido’ supostamente en fondos (tal e como amosan as conclusións dunha das ‘accións especiais’ do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía) e no mar.
• Neste senso as conclusións tiradas das nove accións especiais do programa de intervención científica poñen de manifesto o impacto da marea negra sobre diferentes comunidades e especies de interese comercial e ecolóxico das zonas costeiras afectadas, información que ía publicarse despois das eleccións xerais e que aínda non xe fixo, polo que esta información está a ser furtada á opinión pública.
• segue a chegar fuel ao noso litoral e máis ao resto do Cantábrico de xeito irregular.
• existen en Galicia máis de 300 puntos de contaminación extrema por acumulación de fuel, particularmente no litoral comprendido entre a Punta Louro e as Illas Sisargas. Este fuel está a afectar as comunidades biolóxicas incluíndo a algunhas especies de interese comercial.
• comeza a facerse patente os efectos que sobre os organismos mariños, en diferentes niveis tróficos, teñen os Hidrocarburos Aromáticos: reducción da reproducción, diminución da supervivencia de crías, etc.
• en torno a 20 espacios naturais protexidos do litoral galego, fundamentalmente da Rede Natura 2000, están seriamente danados pola contaminación e polas labores de retirada do fuel.
Por outra banda, non se tomaron as medidas oportunas para evitar outra catástrofe e paliar os seus efectos (o litoral galego non é unha Área Marítima Especialmente Sensíbel, non temos un plan de continxencia por contaminación accidental dotado de medios materiais e humáns, non están definidas as áreas de refuxio, tal e como exixe a directiva comunitaria correspondente, etc). Tampouco se coñece con exactitude ónde está o fuel que falla, nin se coñece nada acerca dos estudios epidemiolóxicos.
Cómo elementos positivos que se derivan do afundimento do Prestige hai que destacar a mobilización cidadá a prol do medio ambiente, certas labores (non todas) de retirada do chapapote e a creación da Comisión sobre Seguridade Marítima MARE, no Parlamento Europeo na que ADEGA está a xogar un importante papel, e que é esperanazadora para a seguridade do litoral europeo nos próximos anos.
Adega