Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ricardo Varela coordina a cumbre de emprego para preparar a postura que defenderá España no Consello de Ministros de Bruxelas

O conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, inaugurou o XII Foro Autonómico de Emprego e Formación: Europa Prioridades para un mercado de traballo en transformación, despois de coordinar a postura autonómica que defenderá, xunto co Ministerio de Traballo no consello de Ministros da Unión Europea. Nese senso, o titular de Traballo, reuniuse con responsables en materia laboral das distintas Comunidades Autónomas para abordar a postura común que defenderá España nas vindeiras xuntanzas do Consello de Ministros europeo que teñen lugar o 30 de novembro e 1 de decembro.

Varela definiu de “moi positivo o feito de que as comunidades autónomas poidan aportan posicións ao Consello de Ministros Europeo”, e avogou por traballar para “acadar a posición máis homoxénea posible”. Non obstante, manifestou a súa seguridade en que a sintonías co goberno central permitirá que se incorporen as posicións das CCAA dunha maneira ordinaria.

O responsable de Traballo sinalou que na inauguración do Foro que na reunión europea “defenderá a idea de implantar unha xornada laboral para os traballadores que non supere ás 48 horas á semana.

Segundo a nova proposta da Presidencia Finlandesa, recoñece que “a xornada máxima de 48 horas é a regra xeral, e que a cláusula opting-out, que permite traballar mais de 48 horas se hai acordo individual entre o empresario e o traballador, é unha excepción”. De feito, aínda que se deixa a os estados membros a decisión de continuar coa cláusula, a proposta prevé unha revisión futura con vistas a supresión gradual desta excepción”.

Neste senso, Varela defende a eliminación da excepción opt-out xa que “vai en contra do noso modelo social que promove a seguridade e saúde no traballo”. Para o Conselleiro “dificilmente se pode fomentar unha cultura en prevención de riscos laborais se incrementamos as xornadas, e con elo o cansanzo físico e psíquico dos empregados”. Sen esquecer ademais, que “esta cláusula pode facer que o traballor se sinta presionado polo empresario”, matiza o Ricardo Varela.

A actual directiva regula o tempo de traballo e os períodos de descanso, co fin de protexer a saúde e a seguridade dos traballadores. Dende a súa aprobación, en 1993, foi obxecto de varias reformas, polo que, Traballo considera que por parte de certos países estase a facer un uso abusivo dunha cláusula incluída na Directiva, que fai posible a elaboración dunha lexislación que permite traballar máis de 48 horas semanais de media. O obxectivo de Ricardo Varela é defender certos cambios na proposta para garantir os dereitos e a saúde dos traballadores e traballadoras.

Na súa intervención, o conselleiro tamén falou da proposta de regramento sobre a creación do fondeo europeo de adaptación de globalización, “un instrumento europeo que pretende paliar os efectos das grandes reestructuracións de empresas e sectores productivos que se están a producir en Europa por mor dos efectos da globalización da economía e a intención é que comece a funcionar a principios de 2007”.

Outro dos asuntos aos que se referiu foi as condicións de traballo dos traballadores cedidos por empresas de traballo temporal, coa que se pretende equiparar as condicións laborais destes traballadores cos das empresas usuarias. Varela sinalou que “estamos ante un tema conflictivo, sobre todo pola postura inglesa contraria a súa equiparación”.

Varela avanzou que se presentará o Libro Verde sobre o Futuro do Dereito do Traballo, previsto na axenda social europea 2005-2010. “Trátase dunha Comunicación da Comisión Europea sobre o traballo digno, e outras cuestións coma os retos da globalización e dos cambios demográficos”, declarou o conselleiro.

O responsable de Traballo asegurou que, como novidade da presencia filandesa, preséntase unha comisión de demografía en resposta aos retos da globalización e dos cambios demográficos, “para fortalecer o crecemento da productividade a través de máis e mellor emprego”. Son documentos e iniciativas coas que se queren promover o desenvolvemento de mercados internos e a innovación así como a mellora da productividade no traballo vinculada a unha maior calidade de vida laboral.

Outro dos temas sobre os que reflexionou o conselleiro de Traballo foi o traballo digno, polo que defendeu un compromiso solidario ás comunidades autónomas máis avanzada cos traballadores en países en vía de desenvolvemento.

Na reunión de coordinación estiveron presentes o director xeral de Promoción do Emprego, Álvaro Ansias, o director xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca, o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández, e representantes do Ministerio de Exteriores e Traballo, así como das comunidades autónomas de Andalucía, Madrid, Murcia, Asturias, Castilla- La Mancha e Cataluña.

Participación de Galicia na política europea

Dende o pasado mes de xullo a comunidade galega correspóndelle representar ao conxunto das CCAA nos Consellos de Ministros da UE en temas laborais, sociais, de muller, consumidores e de xuventude. Con este encargo, trátase da primeira vez que Galicia lidera o debate e a coordinación interautonómica dende que se abriu esta posiblilidade, en 2004.

Esta participación, decidida segundo un sistema específico en cada Conferencia Sectorial, realízase ao inicio de cada Presidencia semestral do Consello da Unión Europea á vista do programa de asuntos propostos para analizar neses seis meses.

Esta presenza directa dos representantes autonómicos estableceuse nos acordos de 9 de decembro de 2004 da Conferencia para asuntos relacionados coas Comunidades Europeas, sobre a participación das Comunidades Autónomas no Consello da Unión Europea. Segundo este documento (publicado no BOE do 16 de marzo de 2005), os representantes autonómicos poderán participar directamente xunto aos representantes da Administración Central do Estado ou en nome do mesmo, no caso que así se estableza, en tres niveis diferentes do Consello da UE:

- Nos grupos de traballo que preparan os Consellos de Ministros da Comisión Europea
- No Comité de Representantes Permanentes (COREPER)
- Nos propios Consellos de Ministros nas súas xuntanzas ordinarias

Con estas medidas téntase fortalecer a presenza das CC.AA nos espazos de formación da vontade do Estado en ámbitos que atinxen a competencias autonómicas. Trátase, mediante este sistema, de integrar mellor as realidades dun sistema complexo e descentralizado como o español.

Así pois, no mes de xullo Galicia comezou o seu traballo de liderato no proceso de debate e coordinación interautonómica para preparar os temas relativos a Emprego, Política Social e Consumo para as xuntanzas do Consello de Ministros que se celebrarán os vindeiros 30 de novembro e 1 de decembro deste ano.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia