Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Xuventude impulsa unha rede galega de locais de ensaio para a mocidade

Xuventude está a impulsar a posta en marcha dunha rede de locais de ensaio para os mozos. O director xeral de Xuventude, Rubén Cela explicou na Comisión 4ª do Parlamento que o seu departamento está a tramitar un decreto para regular a futura Rede Galega de Locais de Ensaio para a Mocidade, onde se recollerá o marco normativo que rexerá o funcionamento básico destes locais.

Segundo Cela, a previsión de Xuventude é que ao rematar a lexislatura, esta rede estea integrada como mínimo, por 30 locais de ensaio. A posta en marcha desta rede persegue, segundo o director xeral, “dar resposta ás inquedanzas musicais da mocidade galega”, dotando aos distintos concellos de centros debidamente insonorizados e equipados. Ademais, con esta rede fomentarase e potenciarase a creación de grupos musicais e a interrelación e a cooperación entre os mesmos. Segundo o director xeral, Rubén Cela, tamén servirá como plataforma para a difusión da produción artística dos mozos e mozas e incluso axudará a acadar a profesionalización dalgúns destes grupos.

Para o director xeral, a Rede Galega de Locais de Ensaio para a Mocidade “colocará a Galiza na vangarda deste tipo de políticas”, non só a nivel de estado, senón tamén de Europa, xa que non se coñece a existencia de iniciativas deste tipo.

Na súa comparecencia, Cela explicou que o local de ensaio de Boiro vai empezar a funcionar a finais de ano, xa que agora mesmo se está a acondicionar.Coa súa posta en marcha darase resposta á demanda dun número importante de mozas e mozos de Boiro, que forman parte dalgún grupo musical, pero que non teñen onde ensaiar.

O local de ensaio de Boiro que ocupará unha superficie de 200 metros cadrados, terá tres salas completamente insonorizadas e equipadas e estará situado nas dependencias do centro socio cultural de Boiro.

Finalmente, Rubén Cela informou da tramitación, neste intre, de novos locais de ensaio nos concellos de Pontedeume e Betanzos e estase en negociacións con Ribadeo. Ademais abrirase un local de ensaio de titularidade da Xunta na casa da Xuventude de Tui. A estes, hai que sumar o que xa funciona en Santiago de Compostela. O director explicou, que o seu departamento ten unha partida específica dedicada á colaboración coas corporacións locais para a dotación de equipamentos para as instalacións xuvenís dependentes da Xunta de Galicia.

Axudas para as entidades xuventude

Nesta mesma comisión, Rubén Cela tamén informou das axudas concedidas pola dirección de xuventude para financiar actividades programadas por entidades xuvenís.Houbo 330 solicitudes de entidades xuvenís e concedéronse un total de 250 subvencións. As restantes foron denegadas por non reunir os requisitos específicos que esixía a orde.Das axudas concedidas, 41 foron para entidades de Compostela, 50 para as da Coruña, 46 para Lugo, 60 para Ourense e 53 corresponden a entidades de Pontevedra. No ano 95 houbo 386 solicitudes de axudas e 337 foron concedidas.

Rubén Cela tamén informou de que a contía das axudas para as entidades xuvenís no 2006 foi de 561.000 euros, un 77´81% máis que no 2005, onde o orzamento para estas subvencións foi de 315.500 euros. A contía media que recibiu cada asociación xuvenil este ano foi de 2.244 euros, mentres que no 2005 foi de 936 euros.

Rubén Cela explicou que a orde de convocatoria de axudas para o 2006 inclúe importantes novidades en relación ás que tramitaron os gobernos anteriores. Trátase segundo Cela, dunha orde máis estruturada e adaptada á realidade do funcionamento das entidades xuvenís. Reformuláronse os criterios de avaliación das solicitudes recibidas e, por primeira vez, subvenciónase a adquisición de equipamento para as sedes sociais. Dáse tamén entrada, por primeira vez, a representantes do Consello Galego da Xuventude de Galicia como órgano representativo do asociacionismo galego, que terá presenza nas 5 comisións avaliadoras (as catro provinciais e unha autonómica) e non só nunha delas como sucedía ata o de agora.

O director xeral de Xuventude amosou o compromiso do seu departamento co fortalecemento e a consolidación da estrutura asociativa galega e informou que Xuventude está a traballar nestes intres na elaboración dun Plan de Fomento do Asociacionismo Xuvenil que verá a luz a comezos do vindeiro ano. Con este plan preténdese favorecer a creación de máis asociacións xuvenís e apoiar ás existentes, de xeito decidido.



Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia