Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A FEG demanda medidas para evitar novas mareas negras como a da pasada fin de semana

A Federación Ecoloxista Galega (FEG) reclama que se poñan en marcha dunha vez por todas as medidas de vixilancia do tráfico marítimo que permitan prevenir e sancionar os frecuentes episodios de contaminación mariña por petróleo procedente do lavado de tanques e do vaciado de sentinas de barcos que circulan fronte ás nosas costas. A FEG considera moi alta a afección ás aves mariñas da marea negra da pasada fin de semana, estimando entre 1.500 e 3.000 as aves afectadas.
Tendo en conta que nestes casos só se recollen vivas ou mortas entre o 10 e o 20% das aves afectadas, que, segundo a Consellería de Medio
Ambiente, recolléronse 200 aves vivas para ser tratadas, e que o número de aves mortas recollidas se pode estimar nun mínimo de 100, o número total de aves mariñas (araos,...) afectadas estaría entre 1500 e 3000. O Parque Nacional das Illas Atlánticas tamén resultou afectado e nas Illas Cíes, Ons e Sálvora recolléronse máis de 80 aves.
Ao longo do día de onte, membros de asociacións ecoloxistas integradas na FEG e na Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) constataron unha sensíbel diminución da chegada de fuel e de aves afectadas.
Se é certa a versión oficial de que estamos perante un
sentinazo máis, de alcance particularmente grave, confirmaríase de novo a elevada indefensión do noso mar fronte á contaminación por petróleo e non só no caso de accidentes como o do Prestige. Unha das investigacións do programa de intervención científica contra vertidos mariños accidentais financiado polo Ministerio de Ciencia, constatou que as mostras de fuel-oil analisadas entre decembro de 2002 e outubro do 2003 na costa española afectada pola catástrofe do Prestige, corresponderon na súa maioría a residuos do Prestige, mais encontráronse tamén residuos de lavados de tanques (un 10%) e vaciado de sentinas (un 7%). Este dato pon de relevancia a importancia de mareas negras como a da fin de semana.
Segue plenamente vixente a demanda que a FEG e o resto das principais organizacións ambientalistas galegas e españolas reiteraron en varias ocasións con motivo da catástrofe do Prestige: É inexcusábel un servizo de vixilancia que disuada e penalice este tipo de accións que, lonxe de ser puntuais, son práctica común e aportan novas e continuas cantidades significativas de contaminantes ao medio mariño. Neste sentido, é positiva a proposta do informe StercKx de crear un servizo europeo de gardacostas.
Federación Ecoloxista Galega