Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Pesca presenta ao sector e aos sindicatos un Plan Integral de Emprego para a Ría de Ferrol

A Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego Calvar, presentou aos integrantes da Mesa de Traballlo da Ría de Ferrol un Plan de Emprego para os mariscadores da zona, que non poden traballar como o viñan facendo ata o de agora trala entrada en vigor da nova normativa europea de clasificación das zonas de produción de moluscos bivalvos. A raíz da nova regulamentación comunitaria, a metade das zonas de marisqueo da ría ferrolá pasaron a ser clasificadas como zona C, o que lles impide vender directamente aos consumidores.

O proxecto presentado pola Conselleira, e que tanto o sector como os
representates sindicais se comprometeron a estudar, trátase dun Plan
Integral de Emprego que vai ata o ano 2010 e que garantirá aos
traballadores o mesmo salario que viñan percibindo ata agora. Esta proposta
incluiría a creación dunha oficina de xestión e dinamización , que
permitirá a coordinación dun amplo abanico de actividades dirixidas á
recuperación da ría e á obtención dun produto de calidade, entre outros
aspectos.

Entre as actividades que poderán desenvolver os traballadores ao amparo
deste Plan, Carmen Gallego explicou que os mariscadores poderían alternar
os días de marisqueo en zona B coa extracción de mexilla, a retirada de
algas, cursos de formación ou tarefas de control dos bancos marisqueiros.

O obxectivo desta proposta, ademais de garantir o mesmo nivel de ingresos
que os mariscadores tiñan outros anos, é converter un problema -a falta de
saneamento- “nunha oportunidade de prepararnos todos, sector e
Administración, para facer da Ría de Ferrol un modelo de xestion sostible
pero tamén unha explotación cunha visión económica”.

Os sindicatos e o sector saberán a semana que vén a cuantía exacta que
poderán percibir en virtude deste plan e a partir dese momento terán unha
semana para decidir se se acollen ao mesmo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia