Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Quintana destaca o amplo proceso participativo, por primeira vez, na elaboración do borrador do II Plan de Voluntariado de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana destacou que o borrador do II Plan Galego de Voluntariado 2006-2010 é o froito dun amplo proceso participativo, xa que na súa elaboración tivéronse en conta, por primeira vez, as achegas dos axentes públicos e das entidades de iniciativa social. Quintana presidiu en Santiago a xuntanza do Consello Galego de Voluntariado onde se presentou este plan.

Quintana salientou, na súa intervención, que este plan ten que ser o principal instrumento de planificación para o voluntariado do país.Segundo o vicepresidente era necesario adecuar os instrumentos xurídicos e administrativos á realidade actual do voluntariado, que mudou moito nos últimos anos, xa que tanto o número de entidades de acción voluntaria como o dos propios voluntarios, incrementáronse de xeito moi importante.Ademais, o plan anterior demostrouse como un instrumento insuficiente ante un acontecemento como a catástrofe do Prestige. Nese momento, as actuacións desenvolvidas non respondían, segundo o vicepresidente, a unha visión estratéxica, nin había unha planificación que articulara, de xeito coherente, a resposta solidaria da sociedade. Este episodio, puxo pois, de manifesto, segundo dixo, a forza e a enerxía da marea solidaria e a necesidade de articular a acción voluntaria para optimizar todo o seu potencial.

Na súa intervención ante o Consello Galego de Voluntariado, Quintana destacou que hai que seguir incidindo en elementos importantes que xa recollía o anterior plan como son poñer énfase na promoción, na formación, no apoio, na coordinación e na calidade da acción voluntaria. Pero este Plan, segundo o vicepresidente, incorpora tamén as áreas sobre as que se quere articular a acción voluntaria.Preténdese diferenciar entre o voluntariado nas área do benestar, o voluntariado ambiental, o cívico e a cooperación para o desenvolvemento.

O vicepresidente sinalou ademais que acadar o desenvolvemento das Entidades de Acción Voluntaria é un dos principais retos que ten ante si o voluntariado.Todas estas actuacións, veranse complementadas, segundo o vicepresidente, coa aprobación o vindeiro ano, da nova Lei do Voluntariado en Galiza.

Elementos definitorios do Plan

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, expuxo que o II Plan Galego de Voluntariado, é un instrumento participativo, xa que as súas bases sentáronse no Congreso Galego de Voluntariado, celebrado o pasado mes de maio, no que participaron máis de 500 persoas. Ademais definiu este Plan como modificable xa que trimestralmente se fará unha revisión interna dos obxectivos que se recollen no Plan, que se irán modificando e adaptando en función das necesidades. Ademais, dixo, darase conta no Consello, unha vez ao ano, das medidas executadas e analizaranse os motivos das non se levaron a cabo.Outra das características que definen ao plan é a súa transversalidade, porque se trata dun “plan vivo”, que atinxe ás áreas de inclusión social, autonomía persoal, infancia, cooperación, ambiental e cívico e aos ámbitos das entidades, a administración pública, a educación e a empresa.Finalmente, Cela falou da utilidade do Plan, xa que lle serve á propia dirección xeral para ter claras as actuacións inmediatas a levar a cabo e as liñas estratéxicas de actuación. Ademais é útil para os voluntarios e as entidades que dispoñen dun documento “transparente” onde se explicita o papel da Xunta nas políticas de voluntariado e onde poder facer un seguimento dos acordos acadados e esixir o cumprimento dos mesmos.

Obxectivos do II Plan Galego de Voluntariado 2006-2010

O director xeral de Xuventude, Rubén Cela, destacou que o II Plan Galego do Voluntariado pretende conquerir un achegamento e participación activa da sociedade galega na súa realidade, buscando un incremento non tanto na cantidade, senón na calidade do voluntariado. Tamén é fundamental, segundo destacou o director xeral de Xuventude, fortalecer ás entidades de acción voluntaria, promover a participación voluntaria dos colectivos con maiores dificultades sociais ou menos representados no ámbito do voluntariado, e mellorar, sistematizar e cualificar a formación do voluntariado. Outros dos obxectivos que se persegue con este Plan é implicar a toda a administración autonómica (Presidencia, Benestar, Medio Ambiente, Industria...) no proxecto de desenvolvemento dunha cidadanía activa así como elaborar a Lei de Voluntariado de Galiza e a Lei de situacións de emerxencia, co fin de ter novos elementos normativos acordes co actual contexto.Ademais, é preciso facer chegar á sociedade unha imaxe máis realista do voluntariado galego poñendo de relevo a importancia do traballo dos voluntarios na sensibilización cívica.

Ámbitos do voluntariado

O Plan contempla catro ámbitos principais de organización dos voluntarios, as entidades de iniciativa social, as administracións públicas, o entorno educativo e o mundo empresarial.

No que respecta ás entidades de iniciativa social, a prioridade é facilitar e consolidar nas entidades de iniciativa social, unha xestión transparente, eficaz e eficiente, baseada nunha modernización organizativa e funcional. Quérese ademais fomentar a participación da cidadanía a través do voluntariado en entidades de iniciativa social. Para iso, proporcionaranse os medios para campañas de divulgación das propias entidades, promocionaranse as accións de voluntariado nas radios e nas televisións e se creará un portal web de referencia en temas de voluntariado en Galiza.

Outro obxectivo, neste ámbito, é facilitar servizos de consultoría, formación e apoio para que as entidades melloren a súa xestión e poidan fortalecer a súa estrutura organizativa.

No tocante ao papel da administración pública os grandes retos son promover a elaboración da nova Lei de Voluntariado de Galiza, garantir unha axeitada difusión do Plan estratéxico de acción voluntaria 2006-2010 e crear centros de información de voluntariado, asociacionismo e participación.

No ámbito educativo, a través do Plan Galego de Voluntariado, preténdese incentivar e facilitar a colaboración dos centros educativos, do seu profesorado e dos seus alumnos, nas actuacións de voluntariado.

Finalmente, as empresas están realizando un importante esforzo por servir aos intereses da comunidade na que se asentan e están levando a cabo estratexias de Voluntariado Social Corporativo que é necesario planificar axeitadamente.De aí que o Plan Galego de Voluntariado contemple a difusión da Responsabilidade Social Corporativa como unha estratexia para conciliar os intereses de lucro das empresas coa responsabilidade co seu contorno. Tamén se quere difundir o papel do Voluntariado Social Corporativo como instrumento para vincular ás persoas das organizacións empresariais co tecido solidario do seu entorno.

En canto aos campos de actuación sobre os que se quere articular a acción voluntaria, o futuro Plan contempla especialmente catro grandes áreas: a do benestar, o voluntariado ambiental, o voluntariado cívico e a cooperación para o desenvolvemento.

No campo do Benestar, quérese fomentar especialmente o voluntariado que traballa no eido da inclusión social, propiciando a integración daqueles colectivos en situacións especiais e difíciles. Tamén se busca impulsar a acción solidaria encamiñada ao mantemento da autonomía persoal das persoas con discapacidade ou dependencia en todos os ámbitos da súa vida.

No borrador do plan presentado hoxe, recóllese tamén a importancia da acción voluntaria dirixida á infancia, un dos ámbitos tradicionais nos que se vén desenvolvendo a través das iniciativas de educación non formal (educación no tempo libre, educación en valores), pero no que tamén se incorporan cada vez máis proxectos relacionados coa inclusión social e a intervención social destinados a colectivos de infancia que presentan unhas necesidades específicas. O voluntariado dirixido á infancia tamén se quere potenciar en todas as súas vertentes, en canto supón a primeira experiencia dos nenos e mozos con experiencias solidarias e unha fonte como tal de futuros voluntarios.

Outra vertente a consolidar da acción voluntaria é a do voluntariado ambiental, con moito que aportar na mellora da xestión do medio ambiente, xa que contribúe a detectar problemas emerxentes, ao tempo que serve para sensibilizar á sociedade e trata de comprometela na súa solución. No futuro plan considérase que a realización de tarefas directas de mellora ambiental e conservación dos recursos naturais, concretándose en proxectos ben estruturados e soportados por entidades sociais, poden producir un positivo impacto social e ambiental.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia