Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O acceso electrónico dos cidadáns a todas as administracións públicas será realidade en 2010

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, participou na Conferencia Sectorial de Administracións Públicas en Madrid onde se estudaron distintas cuestións de carácter técnico e xurídico do proxecto de Lei para o Acceso Electrónico dos Cidadáns ás Administracións Públicas. Tras a xuntanza, Méndez Romeu salientou “a importancia extraordinaria deste proxecto para a evolución da sociedade española e, en especial, para a Administración Pública”.

Segundo afirmou o conselleiro é un texto “moi avanzado” xa que se trata dunha lei “moi ambiciosa” polo que a Comunidade Autónoma respaldou esta iniciativa participando en todas as fases previas da elaboración da norma. Deste xeito, o departamento dedicado a Administración electrónica da Xunta de Galicia está a traballar xa nas mesmas liñas de traballo que o Ministerio de Administracións Públicas con quen “comparte o obxectivo de modificar non soamente o marco de dereitos dos cidadáns en relación coa Administración senón tamén de implantar procedementos de xestión avanzada e outras solucións de carácter innovador”.

En canto aos prazos de implantación desta lei, a Administración Xeral do Estado ten prevista a súa aplicación a partir de 2008, mentres que o resto de Administracións deberán aplicala a partir de xaneiro de 2010. Para Méndez Romeu este é “un prazo viable para a Administración do Estado, para as Comunidades Autónomas e para os grandes municipios”. Ao respecto, o titular de Presidencia, matizou que o Goberno galego fixo un chamamento para que se preste “atención especial desde punto de vista financeiro e de cooperación” para que asemade os pequenos concellos poidan acceder na data prevista. Deste xeito, se pretende dar pulo a algunhas acciones consorciadas que garantan que concellos con pouca infraestrutura técnica ou escasos recursos poidan desenvolver as aplicacións necesarias para poder aplicar a norma.

O conselleiro mostrouse optimista ante o compromiso do ministro de Administracións Públicas, Jordi Sevilla, de celebrar distintas reunións nas próximas semanas para alcanzar un texto de consenso e adiantou que a Xunta de Galicia “está a dar o seu respaldo ao texto actual”.

Proxecto de Lei para o Acceso Electrónico dos Cidadáns ás Administracións Públicas

A futura lei vai facilitar a tramitación de distintas xestións aos cidadáns xa que van poder realizalas por medios electrónicos 24 horas ao día os 365 días do ano de forma oficial, xa que as comunicacións en soporte electrónico terán a mesma validez legal que as tradicionais en papel. Deste xeito ofrecerán o mesmo grao de calidade, seguridade e confidencialidade nos datos. Ademais os usuarios deste sistema poderán consultar en calquera momento o estado das tramitacións ou dos procedementos que teñan en marcha. Outra das vantaxes da Administración electrónica é que os cidadáns poderán realizar trámites de distintas administracións nun único lugar, sen necesidade de achegar datos nin documentos que obren xa en poder das Administracións Públicas.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia