Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ramón Maíz avoga porque o Estatuto explicite a realidade interior e exterior de Galicia

O presidente da Fundación Iniciativas 21 e catedrático de Ciencia Política da USC, Ramón Máiz, defendeu durante as xornadas “Galegos e galeguidade”, organizadas pola Fundación e a Secretaría Xeral de Emigración, que a reforma do Estatuto de Autonomía recolla, dende o seu preámbulo, a referencia explícita ao feito de que “o pobo galego posúe unha dobre realidade, a interior e a exterior”, resaltando o “valor estratéxico, político, cultural e económico da emigración para o porvir inmediato de Galicia”.

No que se refire á condición política de galegos e galegas, subliñou que o texto do Estatuto debe garantir “os dereitos políticos aos galegos residentes no estranxeiro que tivesen a súa ultima veciñanza administrativa en calquera dos Concellos de Galicia”.

O presidente da Fundación Iniciativas 21 considerou conveniente a inclusión dun novo artigo especifico dedicado ás comunidades galegas no exterior de tal xeito que se defina o ámbito da galeguidade como “integrado polos residentes no territorio da Comunidade Autónoma e máis os galegos e galegas residentes no exterior” e se estableza o dereito das comunidades galegas na emigración a “solicitar o recoñecemento da súa galeguidade, entendida como o dereito participar activamente na vida social e cultural galega”.

A pertinencia de regular a creación dun Consello da Galeguidade, como máximo órgano consultivo da Xunta de Galicia no que se refire ás relacións da Comunidade Autónoma galega coas comunidades do exterior, asegurando “unha axeitada representación de todos os galegos e galegas da emigración”, foi outras das propostas cursadas polo catedrático de Ciencia Política, que no apartado de dereitos e deberes avogou pola inclusión dun capítulo específico ao dereito ao “retorno digno dos emigrantes, así como o apoio á integración social, cultural e laboral dos retornados”.

Política internacional

Ramón Máiz avaliou asemade a posibilidade de que o novo Estatuto faga fincapé, no título de política exterior, “á regulación da plena capacidade da Xunta de Galicia para desenvolver actuacións de política internacional en materias do seu interese e competencia para velar polos intereses da súa emigración”. Nese senso, abundou na pertinencia de que quede reflectida no texto a posibilidade de crear en países estranxeiros con forte presenza migratoria, delegacións, aos efectos de relación e defensa dos intereses de todos os galegos e galegas residentes no exterior.

Tamén se fixo eco da regulación estatuaria da protección do patrimonio histórico, arquivístico, artístico e arquitectónico no exterior como patrimonio da Galicia universal, antes de recomendar o estudo da inclusión, no referente as bases da lei electoral, do dereito dos cidadáns e cidadás de Galicia que residen noutras Comunidades Autónomas, “no ámbito establecido pola Constitución e as leis, para votar nas eleccións ao Parlamento de Galicia, en virtude dun dereito de opción que salvagarde a identidade cultural e política da España plural”.

Ampliar a galeguidade aos cidadáns

O avogado e ponente no seu día do actual Estatuto de Autonomía, Xosé Luís Pardo, quen conferenciou sobre a reforma da Lei de Galeguidade, sostivo a necesidade de ampliar o concepto de galeguidade de tal xeito que quede superado a consideración das comunidades galegas como suxeito exclusivo susceptible de recibir a galeguidade. “É necesario tamén aceptar”, sostivo, “como suxeitos de galeguidade recoñecible por lei aos galegos e galegas que por diversas circunstancias non están integrados en ningunha comunidade galega”. Este cambio normativo debe supoñer a orixe dunha atención actualizada e axeitada aos galegos e galegas no exterior tanto por parte da administración como da propia sociedade galega.
Gabinete de Comunicación da Secretaría de Emigración da Xunta de Galicia