Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Todoterreos, quads e motos degradan os espazos naturais da Costa da Morte. ADEGA esixe un maior control sobre o seu uso

Aínda que se trata dun problema xeralizado a todo o litoral galego, ADEGA puido constatar a súa particular importancia na Costa da Morte con motivo das tarefas de seguemento ambiental do litoral afectado pola catástrofe do Prestige que está a realizar desde novembro de 2002.
Os espazos naturais afectados forman parte da zona proposta para a Rede Natura 2000 denominada Costa da Morte e áchanse entre os de maior interese natural da costa ibérica e europea. ADEGA demanda ás autoridades ambientais un maior control destas zonas para evitar a circulación polas dunas de vehículos a motor. Igualmente pide aos usuarios destes vehículos e aos clubes relacionados co mundo do motor que abandonen ou denuncien estas prácticas incívicas e profundamente irrespectuosas coa natureza.
A circulación continuada ao longo do tempo de todoterreos, motos e quads sobre as dunas está a provocar unha importante degradación: perda de vexetación, cambios na morfodinámica, aceleración dos procesos de extinción de especies ameazadas de flora, molestias para fauna (que de se produciren durante o período de cría mesmo poden causar o fracaso da reprodución), contaminación,...
ADEGA detectou que as zonas máis afectadas son as dunas de Monte Branco, Soesto, Traba, Santa Mariña, Lourido, Nemiña, Rostro e Mar de Fóra.
•Soesto (Laxe). O dano está a ser particularmente grave sobre a planta Omphalodes littoralis, especie exclusiva de Galiza e en perigo de extinción. Un informe da Universidade de Santiago pon de manifesto o dano que están a causar os vehículos de motor sobre a poboación asentada aquí, comprometendo o futuro da mesma. O uso reiterado destes vehículos provocou a consolidación de varias pistas sobre a duna.
•Traba (Laxe). É abundante a presenza de rodelas e sucos dos trompos. Rexístrase unha importante eliminación da vexetación que conforma a chamada duna cincenta (hábitat de interese prioritario segundo a Directiva Hábitats). Esta a ter igualmente un importante efecto de molestias sobre as aves presentes na lagoa.
•Enseada do Trece e Santa Mariña (Camariñas). As súas dunas conforman un dos máis espectaculares complexos xeomorfolóxicos da costa occidental europea, polo que o Concello de Camariñas está a traballar na creación dun parque temático. Tense rexistrado de xeito reiterado a concentración de até 50 motocicletas na duna remontante que chega case aos 100 metros de altura sobre a ladeira situada fronte a Santa Mariña. A presenza de todoterreos é habitual na Enseada do Trece e nas dunas de Pedrosa (tamén en Camariñas), lugares denominados coma Puntos quentes da flora ameazada de Galiza, albergando entorno ao 25% das especies en perigo de extinción da provincia da Coruña.
•Lourido (Muxía). A mellora de accesos ao areal provocou a entrada de vehículos mesmo até a fronte da duna, onde se ten observado a moitos todoterreos estacionados, principalmente nos inicios do verán pasado. Durante o verán adoptáronse medidas de impedimento do paso de vehículos sobre a duna, o que permitiu unha lixeira recuperación das zonas afectadas.
• Nemiña (Muxía). A apertura dunha pista polo corazón das dunas de Nemiña hai 3 anos trouxo consigo unha importante deterioración do complexo dunar e foi aproveitada por usuarios de quads e motocicletas para continuas prácticas de trial, como se aprecia polas innumerábeis pegadas deixadas ao longo dos case 2 Km. de duna existente. Dende a apertura da pista houbo un descenso nas observacións da choia biquivermella (Pyrrocorax pyrrocorax), especie de ave protexida e en declive que emprega os campos de dunas para a súa alimentación. A píllara papuda (Charadrius alexandrinus), ao bordo da desaparición coma especie reproductora no litoral galego, está a sufrir importantes molestias polo tránsito de quads entre o borde do areal de Nemiña e a súa duna, franxa que emprega a especie para facer o seu niño descuberto entre finais de abril e xullo.
• Rostro (Fisterra). Obsérvanse numerosas rodelas de quads e motocicletas ao longo dos máis de tres km do que é un dos complexos dunares mellor conservados do litoral do noso país. Detectouse un incremento no uso de quads durante os dous últimos anos, nunha zona escasamente frecuentada e que alberga a principal poboación de choia biquivermella do litoral galego. A píllara papuda cría na zona e áchase ameazada por estas prácticas.
•Mar de Fóra (Fisterra). O seu sistema dunar está moi deteriorado pola circulación de vehículos, que se incrementou moito nos últimos dez anos. Aos quads, todoterreos e motocicletas hai que engadir a presenza habitual no verán de autocaravanas e campistas que ocupan e estragan as dunas.
Adega