Touriño anuncia que a Xunta porá medios materiais e humanos extraordinarios para evitar o risco de enchentes en Vilagarcía de Arousa

En declaracións aos medios, o xefe do Executivo galego indicou que diante das enchentes destes días a Xunta de Galicia adoptará tres liñas de actuación básicas. En primeiro lugar, o presidente galego explicou que se procederá á limpeza e retirada dos residuos sólidos acumulados no leito do río do Con. En segundo lugar, explicou que a acumulación de chuvias provocou a acumulación excesiva de sedimentos no leito do río, polo que o Goberno galego disporá medios para aumentar a capacidade hidráulica de evacuación do río. En terceiro lugar, adoptaranse medidas para a limpeza da rede de pluviais de xeito que acade o seu nivel máximo de desaugue.
Xunto a estas medidas, Emilio Pérez Touriño explicou que se procederá ao baleirado preventivo e limitado do encoro do río do Con para tratar de reducir o nivel acadado estes días. Explicou que este baleirado farase de xeito que non se poña en risco o abastecemento de auga á poboación.
Así mesmo, indicou que se adoptaron dúas medidas excepcionais. A primeira delas é que se enviarán a Vilagarcía con carácter inmediato Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumires) procedentes doutras zonas para que a poboación desta localidade poida afrontar con “razoable confianza” e con máis medios as situacións que se poidan producir en vindeiros días dado que as previsións meteorolóxicas indican que poderán producirse, novamente, chuvias copiosas. A segunda das medidas excepcionais consiste no envío de máis medios mecánicos para axudar nos labores de limpeza e recuperación dos danos provocados polas enchentes.
Decreto de axudas
O presidente da Xunta anunciou que o Consello do Goberno galego aprobará o decreto de axudas para a reparación dos danos causados polas chuvias do luns, un decreto na mesma liña que os aprobados para as enchentes do mes de outubro noutros puntos de Galicia.
O presidente galego amosou a súa confianza en que as ordes das consellerías que desenvolvan este decreto de axudas poidan adiantarse na súa tramitación “para gañar tempo ao tempo e intentar reducir os prazos legais para que os cidadáns poidan beneficiarse destas axudas”.
A este respecto, lembrou que o seu Goberno é o primeiro que pon en marcha liñas de axudas directas para resarcir á cidadanía das perdas ocasionadas polas riadas, fronte ao acontecido en situacións semellantes, como a dos temporais de 2001, no que só se aprobaron bonificacións fiscais. O presidente galego incidiu en que a tramitación destas axudas ten uns prazos legais que obrigan a que todo o proceso de recompilación de información e procesado das mesmas esixa un período de arredor de catro meses para que os cidadáns poidan cobrar as axudas. No caso das últimas enchentes que afectaron a 16 concellos, o presidente galego insistiu en que se intentarán acelerar estes prazos para que se poidan cobrar as axudas no horizonte de tres meses.

De cara ao futuro, o xefe do Executivo galego adiantou que se traballará co Concello de Vilagarcía de Arousa, coa Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa e con Augas de Galicia para tratar se fora posible de solucionar o estrangulamento que actualmente existe na desembocadura do río do Con cara á ría.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia