Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Vicepresidencia mellora os espazos de xogo infantís en 62 concellos coruñeses a través do Plan Galecer

A Vicepresidencia inviste 583.200 euros na creación de áreas de xogo para a infancia en catro concellos da provincia da Coruña e na realización de obras de mellora destes espazos noutros 58 municipios. Así o anunciou a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, na presentación das actuacións previstas nesta provincia dentro do programa Galecer 2007-2008, unha iniciativa que ten como obxectivo favorecer o dereito ao xogo, ao lecer e ao tempo libre da infancia en Galiza.

Segundo explicou Adán, as principais liñas estratéxicas deste plan buscan mellorar a seguridade e calidade das áreas de xogo públicas; promover o desenvolvemento de ludotecas como espazos accesibles destinados ao xogo; potenciar os programas de ocio para a infancia, especialmente nos concellos rurais; e impulsar os dereitos da infancia en relación cos medios audiovisuais, de comunicación e novas tecnoloxías. En total, a Vicepresidencia da Xunta investirá entre 2007 e 2008 máis de 1,8 millóns de euros para poñer en marcha esta iniciativa destinada aos nenos e nenas de toda Galiza.

O Plan Galecer 2007-2008, que ten como finalidade traballar na ampliación e optimización das 1.454 áreas de xogo existentes actualmente en Galiza, suporá un importante avance no acceso ás alternativas de lecer para 120.000 nenos e nenas de 0 a 12 anos de idade. Así, buscarase implantar un conxunto equilibrado de infraestruturas de calidade en todo o territorio e a mellora do benestar e a calidade de vida dos galegos e galegas, con especial atención aos concellos rurais e con importante dispersión poboacional.

Espazos de lecer

O programa de creación, mellora e adaptación das áreas de xogo infantís da Vicepresidencia da Xunta suporá a instalación de novas infraestruturas de xogo en 20 concellos de Galiza e melloras e adaptacións noutros 172 concellos.

Na provincia da Coruña, a Vicepresidencia financia a creación de novas áreas de xogo nos concellos de As Somozas, Tordoia, Trazo e Toques, cun investimento de 67.200 euros. Ademais, destínanse 516.000 euros a obras de adaptación e mellora destes espazos lúdicos nos municipios de Arzúa, Boimorto, Touro, Boiro, A Pobra, Ribeira, A Baña, Negreira, Carballo, Laxe, Malpica, Ponteceso, Aranga, Betanzos, Cesuras, Curtis, Irixoa, Paderne, Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Oleiros, Sada, Cabanas, Pontedeume, Fene, Mugardos, Narón, Neda, San Sadurniño, Dumbría, Fisterra, Muxía, Carnota, Lousame, Noia, Outes, Porto do Son, Cerceda, Mesía, Oroso, Cariño, Cerdido, Mañón, Ortigueira, Ames, Brión, Val do Dubra, Vedra, Dodro, Padrón, Rois, Melide, Santiso, Vimianzo, Mazaricos e Santa Comba.

Outras actuacións

O Plan Galecer 2007-2008 tamén recolle importancia de impulsar un programa específico de calidade nas ludotecas e de elaborar unha Carta de Servizos das persoas usuarias deste tipo de equipamentos. Ademais, incídese na necesidade de suprimir as barreiras para facilitarlles aos nenos e nenas con discapacidade ou con necesidades educativas especiais o acceso ao lecer en igualdade de condicións. Así mesmo, os programas de lecer que se promovan ao abeiro desta iniciativa permitirán aos participantes o coñecemento do medio próximo e da cultura popular galega.

Por outra banda, o plan prestaralle especial atención aos concellos rurais, co obxectivo de favorecer que todos os rapaces e rapazas de Galiza teñan as mesmas oportunidades para gozar dos servizos de lecer. Nesta liña, desenvolveranse estratexias e accións comúns cos propios concellos e promoverase o movemento asociativo para a mellora do uso do tempo libre na infancia. Cómpre sinalar o programa de ludotecamóbil co que se achegará aos concellos galegos as alternativas de lecer destinadas aos máis pequenos.

Novas tecnoloxías

A Vicepresidencia da Xunta inclúe como un dos aspectos máis novidosos do Plan Galecer 2007-2008 a iniciativa a través da cal se impulsarán os dereitos da infancia a acceder aos medios audiovisuais, de comunicación e ás novas tecnoloxías. Así, fomentaranse as accións en colaboración co sector editorial e audiovisual para poñer en marcha programas de difusión e produción de recursos de lectura e audiovisuais para a infancia. Un dos obxectivos principais desta área de actuación é establecer os contactos co sector audiovisual e os medios de comunicación para traballar conxuntamente na promoción e defensa dos dereitos da infancia. Nesta liña está previsto realizar diversos estudos sobre a infancia en relación aos medios de comunicación e ás novas tecnoloxías, ao tempo que se desenvolverán campañas de sensibilización para un uso non sexista dos produtos de lecer e xogo, especialmente os xoguetes.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia