Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Entra en funcionamiento un número de atención telefónica para os afectados polas inundacións

Os afectados polas inundacións acontecidas nas últimas semanas poden obter información oficial sobre as axudas chamando ao número gratuíto 900 87 87 65, idéntico ao posto en marcha pola Xunta de Galicia o pasado mes de setembro por mor da vaga de lumes. Este Servizo de Información explicará aos cidadáns que así o requiran todos os datos recollidos no Decreto aprobado o pasado 19 de outubro pola Xunta de Galicia para a reparación dos danos causados polas inundacións, así como a súa modificación do 26 de outubro. Tamén se poderá solicitar información sobre as ordes das distintas consellerías publicadas no DOG do pasado 30 de novembro sobre as axudas destinadas a sufragar os gastos extraordinarios en que incorresen as entidades locais como consecuencia directa das inundacións.

A través deste servizo, o Goberno tentará atender calquera dúbida que os afectados poidan ter sobre as axudas económicas por danos persoais: falecemento, incapacidade absoluta permanente ou lesións que causasen hospitalización. Asemade, os usuarios poderán informarse sobre as axudas para a reparación de danos causados na vivenda habitual ou nunha segunda vivenda, entendidas como tales as construcións anexas e instalacións complementarias, así como os danos sufridos en enxoval doméstico de primeira necesidade.

Ademais, nel se poderán atopar as aclaracións precisas sobre outras axudas para a reposición de infraestruturas e equipamentos privados danados, para reparacións nas explotacións agrícolas e gandeiras, e para compensar os danos sufridos en establecementos comerciais, mercantís, industriais ou turísticos; así como liñas de axudas para as entidades locais e outro tipo de compensacións que non previstas nas medidas que aprobe a Administración Xeral do Estado.

Outros temas sobre os que poderán obter información as persoas que chamen a este número serán o prazo de solicitude das axudas e onde solicitalas de acordo aos danos sufridos. Ademais, este servizo seguirá a informar sobre as axudas referentes á vaga de incendios do pasado mes de agosto.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia