Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A secretaria xeral de Igualdade asina os convenios para mellorar os parques infantís de 8 concellos galegos

A secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán, asinou en Santiago acordos de colaboración con 8 concellos galegos para acometer os traballos de mellora das áreas de xogo infantís destes municipios. Esta iniciativa enmárcase no Plan Galecer 2007-2008, que ten como obxectivo favorecer o dereito ao xogo, ao lecer e ao tempo libre da infancia en Galiza. En total, a Vicepresidencia da Xunta investirá entre 2007 e 2008 máis de 1,8 millóns de euros para poñer en marcha esta iniciativa destinada aos nenos e nenas de toda Galiza.

Os acordos asinados suporán un investimento de 78.000 euros por parte da Vicepresidencia da Xunta. Por provincias, os concellos coruñeses de Porto do Son e Pobra do Caramiñal recibirán 9.000 euros cada un, mentres que Ames levará 12.000 euros. Pola súa banda, os municipios pontevedreses de Silleda, Vilanova de Arousa e Campo Lameiro disporán de 7.500 euros cada un para mellorar os seus espazos de xogo, a mesma cifra que recibirá o concello lucense da Fonsagrada para esta iniciativa. Asemade, o municipio pontevedrés de Moraña contará cunha axuda económica de 18.000 euros.

O programa de creación, mellora e adaptación das áreas de xogo infantís da Vicepresidencia da Xunta suporá a instalación de novas infraestruturas de xogo en 20 concellos de Galiza e melloras e adaptacións noutros 172 concellos. Así, a Vicepresidencia investirá 583.200 euros na creación de novas áreas de xogo en catro municipios da provincia da Coruña e na mellora destes espazos situados noutros 58 concellos. Na provincia de Lugo está previsto crear novas áreas de xogo en tres concellos, mentres que noutros 30 procederase á mellora das xa existentes. Estas actuacións suporán un investimento de 284.453 euros. A través do Plan Galecer outros 11 municipios da provincia de Ourense disporán de novas zonas de xogos infantís, ao tempo que se realizarán melloras e adaptacións nas áreas de 47 concellos máis, o que terá un custo global de 565.500 euros. Pola súa banda, a Vicepresidencia investirá 370.500 euros na instalación de novas áreas de xogo en dous concellos de Pontevedra e na mellora das xa existentes noutros 37 municipios desta provincia.

O Plan Galecer 2007-2008, que ten como finalidade traballar na ampliación e optimización das 1.454 áreas de xogo existentes actualmente en Galiza, suporá un importante avance no acceso ás alternativas de lecer para 120.000 nenos e nenas de 0 a 12 anos de idade. Así, buscarase implantar un conxunto equilibrado de infraestruturas de calidade en todo o territorio e a mellora do benestar e a calidade de vida dos galegos e galegas, con especial atención aos concellos rurais e con importante dispersión poboacional.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia