Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Comisión pola Memoria denuncia 16 desaparicións en Ponteareas

A Comisión Pola Memoria Histórica do 36 en Ponteareas ratificou o 3 de xaneiro, a petición da Audiencia Nacional, a denuncia presentada o día 14 de decembro de 2006 ante o xuíz de garda da Audiencia Nacional, Baltasar Garzón, por 16 crimes contra a humanidade de desaparición forzada cometidos en 1936 en Pontereas e noutros lugares da bisbarra. A denuncia enmárcase na iniciativa
conxunta de diversos asociacións para a Recuperación da Memoria
Histórica de Cataluña, Canarias, Galicia, Toledo e Aragón.

Estes grupos presentaron sendas denuncias ese mesmo día, coincidindo coa celebración no Congreso dos Deputados do debate sobre a toma en consideración do proxecto de lei presentado polo goberno sobre o tema, que foi aprobado cos votos de PSOE e de Coalición Canaria, PNV e CiU.

Os dous últimos anunciaron que esixirían modificacións na tramitación parlamentaria para votar a favor do texto en 2007. A denuncia conxunta ten como fin que a Audiencia Nacional investigue a desaparición de 30.000 persoas durante a Guerra Civil e o Franquismo, pide á Fiscalía Xeral do Estado que interveña e ó goberno que cree un organismo independente que se encargue de coñecer a verdade do ocorrido. Segundo o dereito internacional, as desaparicións forzadas son crimes contra a
humanidade que consisten na detención ilegal dunha persoa, seguida da negativa das autoridades competentes a informar as súas familias sobre a súas sorte e o seu paradoiro. Os crimes contra a humanidade son actos inhumanos e persecucións contra a poboación civil cometidos de forma sistematica ou masiva. A cualificación destas desaparicións forzadas como crimes contra a humanidade comporta que se trate de crimes non prescriben. Esta denuncia é a primeira que se presenta por desaparicións forzadas en España en relación á guerra civil española e a represión franquista. Ata agora as familias das vítimas de desaparicións e as asociacións de recuperación da memória histórica atopáronse co desinterese e a desinformación da Administración ante a reivindicación da investigación dos desaparecidos. Existe un baleiro legal incomprensible nun Estado de dereito sobre a situación dos desaparecidos e dos dereitos dos seus familiares, así como de quen é competente e responsable de localizar e exhumar as fosas comúns.

Nalgunhas Comunidades autónomas como o País Vasco, Cataluña ou
Andalucía cóntase co apoio loxístico e económico das autoridades
municipais, provinciais e autonómicas afectadas. Porén, este é un
labor do Estado, polas responsabilidades criminais e civís que se
derivan duns feitos que son constitutivos de delitos e que non teñen sido investigados polas autoridades competentes, que son as xudiciais.

Por todo isto, a Comisión Pola Memoria Histórica do 36 en Ponteareas presentou a denuncia ante a Audiencia Nacional, que é o órgano competente en materia de crimes contra a humanidade. Os datos dos 17 desaparecidos na denuncia da Comisión de Ponteareas son os seguintes:

Un home de entre 40-45 años asasinado en Penedo Redondo-Puzo
(Salvaterra, Pontevedra) o 16 de setembro de 1936.

Dous homes sen identificar de entre 60-65 anos e 35-40 asesinados noPinal do Foxo-Xinzo (Ponteareas, Pontevedra), o 20 de setembro de 1936

5 homes sen identificar de entre 20-25 anos asasinados en Curros-Cabreira (Salvaterra, Pontevedra), o 18 de outubro de 1936

Oito homes detidos o 29 de decembro de 1936, dos que foron asasinados sete ese día en diferentes lugares do concello de Ponteareas (Pontevedra):

Serafín Rodríguez (45 anos, labrego de Budiño, Porriño, Pontevedra)

Saturnino Vila Quiroga (59, labrego de Budiño, Porriño, Pontevedra)

Amante Porto Fernández (19, labrego de Budiño, Porriño, Pontevedra)

Raúl Porto Oia (21, labrego de Atios, Budiño, Porriño, Pontevedra)

José Rodríguez (41, labrego de Cans, Porriño, Pontevedra)

José Ramírez Vila (39, de Budiño, Porriño, Pontevedra)

Manuel Pérez Vila (56, labrego de Budiño, Porriño, Pontevedra)

O último (Joaquín Rodríguez Carrera) morreu en Oleiros (Salvaterra, Pontevedra) o día 31 de decembro de 1936, tras escapar ferido desta saca de sete homes.

Deles, polo menos tres, José Rodríguez, José Ramírez Vila e Manuel Pérez Vila figuran nunha fosa fóra do cemiterio de Areas e o neto dun deles está interesado en levantar o cadáver do seu avó e enterralo dentro do cemiterio.

A denuncia tamén fala dos indicios dunha fosa importante sen identificar noutro lugar.
Ángel Rodríguez Gallardo (voceiro da Comisión da Memoria Histórica de Ponteareas)