Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ramón Montero, histórico campaneiro de Bastabales

Ramón Montero é un velliño entrañable que pasou toda a vida traballando. De novo, durante a Guerra Civil, foi trompeta, corneta e cabo de trompeta. Logo tivo unha barbeiría durante moitos anos, ata que cumpriu os 65. Con 16 anos foi aserrador nunha fábrica dos Ánxeles. Agora é o campaneiro retirado de Bastavales, tras cederlle o posto ao seu fillo Ramón. “Cumprirei 82 anos en abril. Ás veces aínda vou tocar as campás cando o meu fillo non pode, pero xa estou xubilado. Agora dedícome á vida do campo e ás miñas cinco ovellas. A muller máis eu criamos cordeiros. Cando teñen 14 ou 15 quilos mátanse”, declara.

De todas as súas dedicacións a que máis apaixonou á Montero foi a de campaneiro. “Crieime nese ambiente, na igrexa. Alí aprendín a tocar porque antes deixaban na víspera das festas a porta do campanario aberta para que quen quixese fose tocar. Ese costume xa se perdeu como moitas outras”, láiase. “Cando tiña 15 anos fun sacristán durante seis meses e aí aprendino todo. Cobraba corenta pesos ao ano e prendía as velas dos sete altares. Hoxe son electrónicas”, declara. “Antes un ía ao seu pero agora fáiselle demaisado caso ao cura e iso que o campaneiro é escollido polos parroquianos, como me pasou a min”, di.

Canso de traballar, Ramón prefire agora, o sosego, a paz, aínda que lle siguen pasando cousas. “Onte caín do tractor e case me rompo as costelas. Cando era campaneiro non me pasaba nada, ou si... Recordo unha vez que me topei unha moza que me pediu cartos e eu negueime e ela díxome que non valía para nada e eu contesteille: volve aquí e verás se valo. Viña entón de tocar”, relata.

Falando da linguaxe das campás, Ramón Montero ponse nostálxico, triste... “Se ardía o monte había que tocar, pero agora iso xa non se fai. Ao contrario. Este ano deixouse queimar todo. Se un neno morre hai que repinicar cando chega á igrexa e logo cando se acerca o cemiterio.Se hai algún morto danse oito campanadas na grande e na mediana, cunha parada para as mulleres e dúas para os homes. Nas vodas non se toca”, conta.

Aínda hai máis tradicións. “O Día de Defuntos tócanse dúas campanadas e pásase a noite repinicando ata as catro da mañá, hora da primeira misa. Esta proposta tamén se perdeu aínda que o meu fillo vai porque lle mando eu. Tamén se toca a alba os domingos e os festivos, ou tocábase. Todos estes costumes veñen de 1912 cando o cura de entón impuxo tales tradicións que se seguiron por nós ao pé da letra. El tocaba todas as mañás para avisar os obreiros do comezo da xornada”, comenta.

“O campanario de Bastavales é memorable. Del falaba Rosalía de Castro no seus poemas. Ela criouse na miña aldea en Soigrexa. A pena é que se lle valorou moito máis en Padrón que aquí. Levaba xa a escritora morta cen anos cando lle puxemos un busto. Ata que a vaca da leite...”, rememora.

Do seu paso pola televisión, Montero recorda con orgullo a súa tocada de campás no Luar. “Toquei, hai dous anos, unha muiñeira cuns gaiteiros de Lalín”, confesa.

Gabinete de Comunicación do Concello de Brión