Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Parte das aves liberadas onte pola Xunta en Bares son recollidas de novo

Onte foron liberadas en Bares 40 das 500 aves mariñas petroleadas recollidas vivas na costa sur de Galicia desde a primeira fin de semana deste mes. As organizacións ecoloxistas cren que esta liberación está motivada polas duras críticas recibidas pola Xunta e non responde a unha recuperación real dos animais. Das 42 aves liberadas, ao longo do día de onte e de hoxe xa se tiñan recollido polo menos 17 en mal estado.
9 dos 14 animais recollidos onte foron trasladados ao Centro de Oleiros por gardas da Consellería pouco despois da solta. Onte pola tarde, membros de Erva-Ecoloxistas en Acción recolleron e entregaron en Oleiros 5 máis e hoxe, arredor das 14 h, recolleron outros 3. A maioría das aves liberadas ficaron polas proximidades e non tiñan recuperado a impermeabilización natural da súa plumaxe, ao non ter recibido o tratamento axeitado. Das 40 aves soltadas tan só unha ducia foron aneladas, polo que non se poderá facer un seguemento da maioría no caso de que volvan ser recollidas.
O acto de onte foi un despropósito máis na actuación da Consellería de Medio Ambiente para facer fronte ao tratamento das aves petroleadas, incapaz de garantir un tratamento adecuado especializado, o que provocou xa a morte de ducias delas. A opción de dispersar o tratamento das aves en catro centros que carecen dos medios precisos estase a revelar como moi equivocada.
As organizacións ecoloxistas asinantes deste comunicado critican duramente que o conselleiro de medio ambiente, Xosé Manuel Barreiro, en lugar de esixir responsabilidades a Javier Ruiz, director xeral de conservación da natureza, e a Xosé Lago, subdirector xeral de espazos naturais e biodiversidade, avale a súa actuación presidindo este acto da liberación das aves mariñas.
Os feitos acontecidos nos últimos días poñen de manifesto a necesidade de que Galiza posúa canto antes un centro de recuperación especializado no tratamento de aves petroleadas, onde traballe o persoal especificamente formado nos protocolos internacionais, e que poida facer fronte a situacións de emerxencia que requiren unha resposta rápida e eficaz. Máis de 500 días despois da catástrofe do Prestige a Consellería de Medio Ambiente non ten feito nada para superar esta carencia.
Por último, as organizacións ecoloxistas esixen novamente ao Ministerio de Fomento que aclare canto antes a orixe do vertido de petróleo que afectou ás aves e que, en todo caso, informe publicamente sobre as investigacións realizadas até o momento. Dúas semanas despois do vertido, o Ministerio de Fomento segue sen ofrecer información ao respecto.
Adega + Erva-Ecoloxistas en Acción Galiza + Federación Ecoloxista Galega (FEG) + Greenpeace + Grupo de Recuperación de Fauna Autóctona (Grefa) + Sociedade Galega de Historia Natural