Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Vicepresidencia investirá 181 millóns de euros no II Plan Galego de Inclusión Social

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, presentaron en Santiago o II Plan Galego de Inclusión Social 2007-2013, co que se pretende darlle un novo impulso á integración e coherencia das políticas activas de inclusión e garantir a mellor atención ás persoas máis vulnerables ou en situación de exclusión. Con este ambicioso proxecto a Vicepresidencia da Xunta mellorará a cobertura territorial, as dotacións materiais, a coordinación e as posibilidades para o deseño de programas personalizados de inserción sociolaboral, a través dunha estreita colaboración co Consorcio Galego de Servizos da Igualdade e do Benestar.

A iniciativa ten como principais retos integrar e complementar a estratexia da inclusión social e de atención á dependencia, especialmente naquelas áreas territorialmente deprimidas; promover dun xeito aínda máis específico a inclusión social de colectivos e grupos cronicamente vulnerables; e fomentar a participación das organizacións de solidariedade e iniciativa social (ONGs) no desenvolvemento de todas as actuacións. O orzamento previsto para o desenvolvemento integral do plan ascende a 181 millóns de euros. Desta contía global xa está previsto que se invistan durante este ano un total de 27,3 millóns.

O II Plan Galego de Inclusión Social establece como principais liñas estratéxicas a creación dunha Rede de Equipos de Inclusión; programas integrais de inclusión e autonomía persoal; o Plan Galego de Convivencia Intercultural, Inclusión e Desenvolvemento da Comunidade Xitana; o programa de atención a persoas “sen teito” e a situacións de exclusión e pobreza crónica; a prevención da exclusión en áreas urbanas de risco social mediante plans comunitarios; a posta en marcha de accións sociais e formativas con persoas con discapacidade; a creación dun Módulo Xove en centros penitenciarios; e a revisión e mellora do sistema de rendas mínimas para a inclusión social.

Traballar na inclusión

Unha das medidas máis salientables que se recollen no plan fai referencia ao desenvolvemento da Rede de Equipos de Inclusión, que se aumentará e mellorará para que poidan continuar co traballo a favor da inserción, formación e acompañamento de perceptores da RISGA e de outras persoas en risco de exclusión sociolaboral. Así, esta rede, que se puxo en marcha con 13 equipos, ampliarase ata 21 grupos técnicos que favorecerán a mellora na atención aos colectivos necesitados. A través do II Plan Galego de Inclusión Social tamén se deseñará e implantará unha rede de centros e unidades de emerxencia social adaptados á realidade territorio. Nestes espazos promoverase a reincorporación social das persoas severamente excluídas mediante accións de recuperación da autoestima e dignidade e actualización formativa, entre outras. En total, Vicepresidencia porá en funcionamento ata o ano 2013 sete centros de emerxencia social e 16 unidades de emerxencia social.

Tamén naquelas áreas urbanas onde exista o risco de exclusión social está previsto o desenvolvemento de plans comunitarios cos que realizar actividades preventivas de intervención, seguimento e titorización de mozos e mozas en risco de exclusión. As actuacións que se levarán a cabo nestes espazos recollen tamén a necesidade de previr as inadaptacións e os conflitos sociais que se poidan producir en grupos de alto risco e de xerar oportunidades de formación e educación para os colectivos máis vulnerables destas zonas.

Atención a colectivos

Outra actuación que se porá en marcha co novo plan supón a creación dun Módulo Xove nos centros penitenciarios, unha iniciativa novidosa no conxunto da Unión Europea a través da cal se traballará en liñas de educación e integración coa mocidade galega internada nestes centros. Unha experiencia piloto desenvolverase no cárcere de Teixeiro, onde en breve se comezará a traballar con 40 internos e internas de menores de 25 anos desde dous anos antes da súa saída e durante os dous primeiros anos de vida en liberdade, para facerlles un seguimento. Equipos de profesionais específicos de composición multidisciplinar traballarán coa mocidade interna na liña da formación e de outras actividades complementarias.

A través do Plan Galego de Convivencia Intercultural, Inclusión e Desenvolvemento da Comunidade Xitana, a Vicepresidencia prevé desenvolver unha serie de liñas de actuación baseadas na normalización, na interculturalidade, no protagonismo das persoas xitanas, na transversalidade e no desenvolvemento comunitario con este colectivo. Así, ofreceránselles oportunidades reais de vivenda, formación, educación, emprego e servizos sociais e sanitarios, ao tempo que se promoverán accións específicas para a súa normalización educativa, a promoción da muller xitana e a súa participación social activa.

As persoas con discapacidade ocupan tamén un lugar destacado no plan presentado hoxe. Para este colectivo a Vicepresidencia da Xunta deseñará accións positivas coas que mellorar a súa formación e cualificación profesional, así como sistemas de información e asesoramento socio-laboral específicos que axuden á súa integración. A ampliación e consolidación das experiencias de inserción en empresas e as medidas e recursos de acompañamento social ocuparán outras das liñas de traballo con este grupo de persoas.

Ao abeiro deste plan a Vicepresidencia tamén mellorará o sistema de rendas mínimas para inclusión social. Así, incrementaranse as contías mínimas da RISGA ata chegar ao obxectivo do 100 por cento do IPREM, establecerase un mínimo garantido e compatibilizarase a renda mínima coas rendas do traballo irregulares e bolsas formativas como estímulo para a mellora da empregabilidade. No tocante á axudas de emerxencia social (AES), ampliaranse os conceptos de cobertura e o orzamento

Aposta pola inclusión

Na súa intervención, o vicepresidente da Xunta cualificou ao novo plan como unha “aposta decidida, transversal e contundente” do Goberno galego para tentar paliar a situación que se vive actualmente en Galiza. “É un impulso á integración”, salientou Quintana, quen apuntou que o plan non será un compartimento estanco á marxe doutras actuacións da Vicepresidencia, senón que servirá para sumar esforzos. Ademais, o vicepresidente lembrou que con este proxecto quérese que haxa un liderazgo institucional, porque “non pode ser que a Administración se limite a subvencionar a aqueles que abnegadamente traballan día a día a pé de obra no traballo de inclusión”.

Pobreza en Galiza

No acto, a secretaria xeral do Benestar deu a coñecer unha serie de datos relativos á pobreza en Galiza, recollidos na publicación “A pobreza e a exclusión social en Galicia”, editado pola Vicepresidencia da Xunta. Segundo apuntou María Xesús Lago, 14,8 por cento de persoas están en situación de risco de pobreza, o que se corresponde con 130.000 fogares en situación de pobreza relativa ou risco de pobreza. Outros 34.000 fogares galegos están en situación de pobreza extrema. Ademais, a pobreza concéntrase no medio rural, xa que nas áreas urbanas existe unha maior protección fronte á pobreza, á pesar das desigualdades que hai nestas zonas.

Na actualidade 400.000 persoas viven en Galiza en situación de risco de pobreza polos seus baixos ingresos económicos, a meirande parte destas persoas habitan no medio rural e máis da metade son mulleres. Ademais, atendendo aos criterios de pobreza establecidos, un de cada oito pensionistas de Galiza é considerado pobre, o que pon de manifesto o baixo nivel das pensións de xubilación que hai actualmente no país en relación ao resto das comunidades.

Cómpre salientar que no estudo tamén se recolle que durante o pasado ano un total de 1.500 persoas acudiron aos 37 centros de aloxamento social, tanto públicos como privados, que funcionan en Galiza. O 94 por cento das persoas que solicitaron este tipo de atención eran homes e sufrían algún tipo de adicción ou enfermidade.

Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia