Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Inaugurada a ponte tecnolóxica entre Galicia e Iberoamérica

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, inaugurou en São Paulo (Brasil), por medio dunha multivideoconferencia, a Rede de Telecentros de Comunicación en Galicia, ponte tecnolóxica e dixital con Iberoamérica. No acto desde a comunidade galega participaron o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, desde a sede do Centro Multimedia de Galicia onde a Xunta instalou o corazón da rede de telecentros; así como os alcaldes de Verín, Emilio González Afonso; e o alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas, desde os seus respectivos concellos.

Tal e como explicou a presidente galego, a Rede de Telecentros de Comunicación constitúe unha iniciativa que tende unha “ponte dixital extraordinaria” con Iberoamérica a través dos centros creados por todo o territorio galego. Emilio Pérez Touriño subliño, ademais, que se trata “dunha magnífica oportunidade para estender o acceso aos novos medios de comunicación en toda Galicia”.

Rede de telecentros

Os telecentros son, de feito, un servizo público e gratuíto para todos os cidadáns financiado pola Presidencia da Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Comunicación, en estreita colaboración cos concellos. Na actualidade, a rede de telecentros conta con 31 sedes espalladas pola comunidade.

Durante o seu discurso, o presidente galego remarcou que ao longo deste mesmo ano se engadirán 10 novos centros á rede (Betanzos, Marín, Carballo, Arzúa, Guitiriz, Ribadeo, Ribadavia, Tui, Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis) que se sumarán aos doce inaugurados hoxe, correspondentes cos concellos de Abegondo, Vedra, Santa Comba, Vimianzo, Lalín, O Carballiño, Xinzo de Limia, O Barco, Monterroso, Foz, Viveiro e A Fonsagrada.

Así mesmo, Touriño lembrou que se está a traballar para conseguir o obxectivo de que “ao final da lexislatura, no ano 2009, todos os galegos teñan a media hora de distancia un telecentro, que permita que haxa un nivel de formación importante no acceso ás novas tecnoloxías e ao mundo multimedia”.

“Non quedará unha comarca sen ter centros e todos os cidadáns de Galicia terán na man, a moi pouco espazo de tempo, a posibilidade de incorporarse a un servizo público gratuíto que lle permitirá instalarse na rede e acceder ás novas tecnoloxías”, aseverou o titular do Goberno galego, lembrando que están a traballar tamén para estender a banda ancha “á maioría da poboación no horizonte do ano 2010”.

Multivideoconferencia

Na súa conversa co presidente da Deputación Provincial da Coruña, Emilio Pérez Touriño lembrou que esta provincia “vai por diante”, marcando a incorporación á rede de telecentros. Pola súa banda, Salvador Fernández Moreda destacou a importancia que esta ferramenta vai ter a nivel de desenvolvemento cultural e na educación, posto que pon en mans dos cidadáns “novos instrumentos de comunicación”.

Na súa intervención, o rexedor de Verín lembrou que este municipio xa ten unha ampla experiencia neste campo, posto que o seu centro entrou en funcionamento desde o ano 2001. Nesta liña, Emilio González Afonso sinalou que, desde a súa posta en marcha, se teñen realizado numerosos cursos formativos entre a poboación, así como programas específicos para as mulleres que teñen permitido que medio millar accedesen á aprendizaxe en ordenadores.

Na súa conversa co presidente da Xunta, o alcalde de Monterroso anunciou que se están a realizar os preparativos para realizar, o vindeiro día 23, unha videoconferencia “coas galegas e galegos, coas monterrosinas e monterrosinos de Bos Aires”, todo sinalou, “grazas á achega das novas tecnoloxías”.

Sociedade da información marcará a Galicia do futuro
Por último, o máximo mandatario autonómico considerou de grande importancia “a oportunidade que nos brindan os telecentros”, dado que, segundo sinalou, “todos os galegos, en calquera recanto do mundo” poden conectarse entre si. Xunto con isto lembrou a importancia que ten para o desenvolvemento do país a incorporación plena á sociedade da información.

“O acceso á sociedade da información e á sociedade do coñecemento é a que marcará a diferenza entre a Galicia do pasado e do futuro”, convertendo a Galicia nun “país central, un país moderno e avanzado”, concluíu Pérez Touriño.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia