Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Crearanse 2,5 millóns de metros cadrados de solo empresarial en Ourense

O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, e a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas, presentaron en Ourense os plans de actuación de solo empresarial que o Goberno galego está a promover na Comarca de Ourense, cos que se impulsará a dinamización económica e industrial desta zona.

As propostas presentadas suporán a creación de 2,5 millóns de metros cadrados de solo empresarial bruto entre 2007-2009, unha cifra “importante” en palabras da conselleira Táboas, xa que supera a superficie de solo empresarial creado no conxunto da provincia nos últimos 16 anos. O investimento ligado a estas actuacións de solo produtivo ascende a 70,5 millóns de euros.

A posta no mercado desta importante cifra de solo produtivo é o resultado das ampliacións proxectadas no Parque Tecnolóxico de Galiza, –425.000 metros cadrados e un investimento de 15 millóns de euros–, na Cidade do Transporte, –100.000 metros cadrados e 5 millóns de euros–, no Parque Empresarial Pereiro de Aguiar, –105.000 metros cadrados e un investimento de 5,5 millóns de euros–, e da primeira fase do Val da Rabeda, –cun investimento de 50 millóns de euros a creación de 2 millóns de metros cadrados–.

Campus Industrial

En concreto, Táboas salientou que no 1º semestre de 2009 estará listo o denominado Campus Industrial, dentro da actuación do Val da Rabeda, con 1.000.000 de metros cadrados, que albergará as empresas do sector téxtil, e que estará ubicado ao norte do futuro parque empresarial dentro do termo municipal de Paderne. En paralelo, a Consellería desenvolverá outro 1.000.000 metros cadrados de solo produtivo multifuncional ao sur do ámbito, que se denominará Taboadela I, por estar ubicado dentro do termo municipal do mesmo nome. Neste caso, o calendario barallado pola Consellería establece que as primeiras parcelas estarán listas para albergar naves no segundo semestre de 2009.

A conselleira nacionalista tamén avanzou que a ampliación da Cidade do Transporte ofertará parcelas de tamaño medio nos 100.000 metros cadrados de ampliación, atendendo ás solicitudes das empresas do sector. A urbanización estará rematada no segundo semestre de 2008.

En paralelo, o Departamento autonómico construirá unha nave modular de 11.000 metros cadrados, cun investimento de 2,4 millóns de euros, que ofertará aos pequenos empresarios do sector do Transporte en módulos de 1.000 metros cadrados en réxime de aluguer con opción de compra. Este sistema foi cualificado por Táboas de “pioneiro” por canto permite facilitar ás pequenas empresas solo con nave sen necesidade de afrontar un cuantioso investimento.

A ampliación do Parque Tecnolóxico de Galicia permitirá ter urbanizada a primeira fase en marzo de 2009, mentres que os 105.000 metros cadrados de ampliación de Pereiro de Aguiar estarán urbanizados no segundo semestre de 2008.

En clave de país

Na súa intervención, Anxo Quintana salientou que por primeira vez o Goberno galego está a desenvolver unha política de solo empresarial “en clave de país”, entendendo esta política pública como un instrumento de dinamización e de desenvolvemento económico, pero tamén como un instrumento para cohesionar o territorio galego. Trátase dunha política de solo empresarial que obedece a dous criterios fundamentais: a demanda empresarial e o reequilibrio territorial, co obxectivo de acadar a vertebración económica e empresarial do país. “Unha política que aproveite todas as potencialidades do territorio e non cree competencias e rivalidades entre as diferentes áreas industriais, senón que estableza sinerxías e complementariedade entre elas”, apuntou o vicepresidente.

Segundo explicou Quintana, a Xunta traballa nunha política empresarial que aposta pola competitividade, a innovación e a formación, orientada a dar servizo ás necesidades do tecido produtivo. “Unha política ao servizo do país, que faga país”, salientou. Nesta liña, a Consellería de Vivenda e Solo puxo en marcha o Programa Galiza Suma, que atenderá as principais necesidades do tecido produtivo galego. Esta iniciativa suporá a creación de 20 millóns de metros cadrados de solo empresarial galego de carácter estratéxico e a creación de Oficinas de Promoción de Solo Empresarial, para o que se investirán 2.000 millóns de euros en 8 anos.

Para o vicepresidente, a Galiza industrial do século XXI ten que vertebrarse en torno a un modelo de solo empresarial policéntrico, en torno a varios eixes industriais que impliquen tamén ás provincias do interior, aproveitando o seu potencial e evitando a sobreexplotación das provincias costeiras.

Nesta liña, Quintana apuntou como un destes novos polos industriais a área metropolitana de Ourense, “cun potencial aínda por explotar que hai que aproveitar para afrontar os desafíos das relacións económicas actuais”. Así, o vicepresidente lembrou que nos últimos anos –entre agosto de 2005 e decembro de 2006– Ourense ten experimentado unha evolución moi positiva, cun aumento da ocupación no sector industrial por riba do 14 por cento na provincia, coa creación de preto de 1.000 novas empresas e co incremento de máis do 19 por cento das exportacións. Para Quintana, estas cifras poñen de manifesto as posibilidades de desenvolvemento que ten a área metropolitana de Ourense, cuxa potencialidade empresarial redundará en beneficio non só dos cidadáns da zona, senón do conxunto do país. “Queremos, en definitiva, facer da área metropolitana de Ourense un valor estratéxico para o conxunto da provincia e para o conxunto do país”, recalcou.


Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia da Xunta de Galicia