O presidente da Xunta visita as obras do novo hospital de Lugo

Segundo explicou o presidente, o plan recolle un conxunto de “liñas de discriminación activa en favor das zonas menos desenvolvidas” do país, polo que cualificou o plan como de “gran calado” e de “gran potencia”. Así mesmo, manifestou a confianza de que no próximo mes o Executivo galego lle dea o visto bo para, a partir de aí, proceder á súa presentación no Parlamento.
Emilio Pérez Touriño fixo este anuncio durante a visita que realizou ás obras do novo hospital de Lugo, acompañado pola conselleira de Sanidade, María José Rubio Vidal, e o alcalde da cidade, Xosé López Orozco.
Máis de 600 millóns para novos hospitais
Na súa intervención ante os medios de comunicación, o xefe do Executivo galego lembrou que o Goberno que preside está a investir máis de 600 millóns de euros na construción de novos hospitais, na súa aposta decidida por mellor o actual nivel de oferta asistencial. Deste xeito, están en marcha actuacións, ademais de no complexo de Lugo, na cidade de Vigo, en Pontevedra, a remodelación do Hospital Juan Canalejo da Coruña, actuacións no Arquitecto Marcide de Ferrol e na cidade de Ourense, así como nos plans funcionais do Hospital do Salnés e no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela.
225 millóns de investimento no complexo de Lugo
Emilio Pérez Touriño, referíndose ao novo hospital de Lugo, -no que visitou as futuras áreas de hospitalización, quirófanos, consultas externas e piscina de reanimación- salientou que se trata dunha “gran obra” que marcará “un antes e un despois” na atención sanitaria, na calidade do servizo e da oferta. Trátase, en palabras do presidente, dun hospital “de referencia” para toda a comunidade galega e, en particular, para toda a área de Lugo.
Este complexo, no que se investirán máis de 225 millóns de euros, contará con nova tecnoloxía, como a sala de hemodinámica, o servizo de radioterapia ou o servizo de medicina nuclear. Touriño sinalou que se trata dunha obra complexa e extraordinariamente ambiciosa dotada cos últimos avances tecnolóxicos. Remarcou que os prazos se están a cumprir e que as obras marchan a bo ritmo, de tal xeito que se agarda que estean rematadas a finais do 2008 e estea en servizo no 2009.
O novo hospital disporá de 755 camas de hospitalización, 171 correspondentes a hospitalización convencional e 38 a UCI coronaria. A estas camas habería que sumarlle outras 56 pertencentes a Urxencias. A superficie construída é de máis de 127.000 metros cadrados e conta con 163 locais de consultas externas, 31 postos de diálise, 80 postos de hospital de día e 18 quirófanos.
Mellora da atención primaria
Na súa intervención, o máximo mandatario autonómico tamén se referiu a que o pasado día 2 de abril se asinou un acordo “histórico” para o futuro da sanidade de Galicia : o plan de mellora da atención primaria, que conta cun período de vixencia 2007-2010 e recolle un investimento de preto de 63 millóns de euros.
Segundo remarcou Pérez Touriño, a iniciativa conlevará a creación de 309 prazas de médicos de familia e 65 de pediatría ao final do período de vixencia e xa neste exercicio prevé un investimento de 4 millóns de euros para un incremento de 144 prazas en Atención Primaria e outros 4 millóns para garantir a substitución de facultativos.

Outras actuacións en Lugo
Por último, o presidente galego agradeceu a colaboración do alcalde na posta á disposición dos terreos para o novo hospital e comprometeu o apoio da Xunta ao proxecto, de xeito que cando en 2008 conclúan as obras e en 2009 entre en servizo “todas as pezas do puzzle estarán perfectamente encaixadas”, dixo referíndose aos novos accesos ao complexo hospitalario.
Así mesmo, indicou que está “marchando ben” todo o relativo ao proxecto da Rolda Leste da cidade. Neste sentido, asegurou que se están empezando as expropiacións e que as obras se licitarán de maneira inmediata. Xunto con isto, sinalou outras actuacións de interese necesarias para garantizar a accesibilidade á cidade como a Autovía Santiago-Lugo, a Autovía Lugo-Nadela-Sarria-Monforte ou a Autovía do Cantábrico, que en 2009 estará plenamente en servizo.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia