Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA presenta alegacións contra o trazado da Variante de Noia proposto pola Consellería de Obras Públicas

Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza vén de presentar alegacións ao Plano Informativo da Variante de Noia proposto pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda polo enorme impacto ambiental que suporía a súa construción. Esta variante prevé a construción dun viaduto que conectaría Punta Bruñeira e Punta Testal como solución aos atascos do verán en Noia.
ADEGA considera inaceptábel esta variante polo seu gravísimo impacto ambiental sobre o Lugar de Interese Comunitario (LIC) Esteiro do Tambre. O nivel de protección ambiental dos espazos LIC, propostos para a Rede Natura 2000, establece a obriga de manter, ou se é o caso restablecer, nun estado de conservación favorábel os tipos de hábitats naturais que formen parte de cada espazo. A construción dun viaduto de máis dun quilómetro afectaría irreversibelmente a todo o entorno. Tería efectos directos, como indica o Estudo de Dinámica Litoral elaborado pola Fundación Leonardo Torres Quevedo da Universidade de Cantabria e recollido no propio Plano, sobre a circulación de correntes no esteiro e afectaría gravemente aos sedimentos ao longo do proceso construtivo.
O viaducto irrompe tamén na liña de costa noiesa e destruirá definitivamente o horizonte marítimo de Noia, eliminando un dos patrimonios máis importantes da vila, polo de atracción turística e elemento intrínseco da configuración da urbe e da calidade de vida dos seus habitantes.. A Convención Europea para a Paisaxe afirma que a paisaxe participa de maneira importante no interese xeral, tanto no aspecto cultural como no ecolóxico, ambiental e social, e constitúe un recurso favorábel para a actividade económica, cuxa protección, xestión e ordenación axeitadas contribúen á creación de emprego.
A razón principal para a construción desta infraestrutura, segundo declaracións de responsábeis políticos, é evitar o paso do tráfico polo centro de Noia e así solucionar as retencións que se dan nos meses de verán. O viaduto non soluciona o problema, simplemente traslada xeograficamente a súa incidencia dunha zona a outra. Como xa sinala o Informe Transport 2000 Plus, elaborado por encargo da UE, temos superado o punto no que calquera incremento de tráfico é contraproducente. A suma de efectos negativos cancela os supostos incrementos de riqueza, eficiencia, confort e facilidade que deberían resultar do mesmo. Asemade, o mesmo informe sinala que a axilización no fluxo do tráfico que supón a construción dunha nova estrada, autovía ou autoestrada vese anulada polo incremento do tráfico na mesma. A nova infraestrutura viaria convértese nun reclamo para o automóbil privado, saturando con rapidez a súa capacidade . O único xeito de eliminarmos os problemas do tráfico é suprimindo tráfico rodado, ofrecendo alternativas de transporte público viábeis en cobertura e frecuencia que atendan as necesidades estacionais da comarca.
Este Plano é unha mostra máis das nefastas políticas de transporte e construción de infraestruturas desenvolvidas pola Xunta, totalmente afastadas dun modelo de desenvolvemento minimamente sustentábel, así como da carencia da necesaria sensibilidade social e ambiental que evite os enormes impactos que as súas políticas comportan. Cómpre dar un xiro radical ás políticas urbanísticas e de transporte, establecendo limitacións ao emprego do automóbil privado, promovendo o transporte público e fomentando dinámicas de proximidade que eviten afeccións irreparables sobre a natureza e as persoas.
Adega