Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Un sistema informático deseñado polo Laboratorio do Territorio da EPS empraza e detalla as infraestruturas e equipamentos públicos dos concellos da provincia de Lugo

O Laboratorio do Territorio (LaboraTe) da Escola Politécnica Superior traballou durante máis de dous anos na creación dun Sistema de Información de Infraestructuras e Equipamentos da Provincia de Lugo (Siel), que permite coñecer o estado das infraestruturas e dotacións públicas de 2.723 entidades de poboación pertencentes a 66 dos 67 concellos lugueses. O punto de partida deste proxecto foi a realización por investigadores da USC do Campus de Lugo da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais, regulada polo Ministerio de Administracións Públicas que delega a súa execución nas deputacións provinciais. Este inventario afecta aos concellos de menos de 50.000 habitantes, é dicir, no caso da provincia, todos agás a capital.
Co obxectivo de aportarlle un valor engadido ao traballo, os investigadores da USC deseñaron unha aplicación baseada en Sistemas de Información Xeográfica (SIX), de xeito que permite un maior aproveitamento dos datos por parte de administracións, empresas ou grupos de investigación. A maiores tamén lle engadiron 5.000 entidades de poboación non abranguidas pola Enquisa de Infraestructuras e Equipamentos Locais. Con este incremento procúrase que a ferramenta se adapte ás peculiaridades e á dispersión demográfica da provincia, na que se empraza 1 de cada 6 entidades de poboación de España.
Así, o Siel detalla aspectos como a calidade e as carencias dos servizos de abastecemento e saneamento de augas, do abastecemento de enerxía eléctrica, das comunicacións viarias, das vivendas e das dotacións de uso público (centros hospitalarios, colexios, cemiterios, pisas polideportivas, etc). Estes datos aparecen relacionados e estruturados en máis de 10.000 planos, polo que facilita a toma de decisións por parte de empresas e administracións en ámbitos como planificación estratéxica, ordenación do territorio ou asignación de recursos. Ademais, simplifica a execución de estudos públicos ou privados sobre canais de distribución, localización de nichos de mercado ou cuantificación de potenciais usuarios, entre outras moitas aplicacións.
No proxecto, dirixido e coordinado polo profesor do Departamento de Enxeñería Agroforestal Rafael Crecente participaron outros cinco docentes do LaboraTe, doce bolseiros de investigación e corenta e tres de colaboración. Ademais, o equipo da USC contou coa colaboración de dous profesores e dous investigadores do Departamento de Electrónica e Sistemas da Universidade de A Coruña.
Procedemento
A toma de datos constituíu o primeiro paso do proxecto. Concretamente, agrupáronse nos seguintes apartados: poboación e vivenda; núcleos abandonados e accesibilidade; planeamentos urbanísticos; infraestructuras viarias; abastecemento de augas; saneamento e depuración; recollida e eliminación de residuos; outros servizos (alumeado público, abastecemento enerxético e recepción de radio e televisión) e equipamentos (xardíns, centros de ensinanza, instalacións de extincións de incendios, etc). Paralelamente, establecéronse os déficits constatados en cada área e as relacións interterritoriais nos espazos obxecto de análise.
Tralo traballo de campo, introducíronse os resultados nunha base de datos xeográfica para cada municipio, coa excepción das estradas que foron emprazadas nunha base de datos independente. A continuación, todas estas fontes de información foron aglutinadas nunha única base de datos xeográfica, que se enriqueceu co establecemento dos límites supra e inframunicipais e coas concas hidrográficas.
Todas estas operacións, por exemplo, permítenlle ao usuario acadar información sobre o estado do firme da rede viaria provincial ou a súa lonxitude, ao tempo que se contempla o recorrido. A mesma operación poderíase facer coas conducións de auga potable ou coa ratio de usuarios por depuradora. Ademais, a estructura da información abre o abano das consultas, que poden ser globais ou restrinxidas por poboación ou municipio.
Cooperación internacional
As potencialidades e a utilidade do Sistema de Información de Infraestructuras e Equipamentos da Provincia de Lugo foron recoñecidas o pasado ano coa súa selección dentro da ‘I Convocatoria de proxectos de cooperación para o desenvolvemento’ da Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Cooperación Exterior da Xunta de Galicia. Como resultado desta escolla, os membros do LaboraTe traballan na actualidade no proxecto ‘Capacitación en ordenación territorial e sistemas de información xeográfica para o desenvolvemento rural en Loja, Ecuador’, co que se procura a aplicación no cantón de Vilacamba, unha zona rural ecuatoriana, da aplicación desenvolta no Campus de Lugo. Para executar esta tarefa contan co apoio de investigadores locais do Centro de Informática Ambiental da Universidade de Loja (Ecuador), aos que se capacita para que sexan autosuficientes na realización de este tipo de traballos.


Gabinete de Comunicación USC