Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A xornada sobre dereitos cidadáns reúne a cinco valedores do pobo

A xornada sobre dereitos cidadáns nas Administracións Públicas, celebrada en Santiago, foi clausurada pola adxunta primeira ao Defensor do Pobo de España, María Luisa Calvo de Llano y Carrió. Calvo de Llano referiuse na súa intervención aos cambios que experimentaron as relacións entre a Administración e os cidadáns nas últimas décadas. Segundo afirmou, “permitiron o xurdimento das cartas de servizos como culminación actual destes dereitos ou como un paso máis na mellora dos servizos que prestan as nosas Administracións”. A xornada, Defensa e pulo dos dereitos cidadáns nas administracións públicas, organizada pola Presidencia da Xunta no marco do proceso de elaboración da Carta de Dereitos Cidadáns de Galicia, reuniu aos valedores do Pobo de Asturias, Castilla-La Mancha, País Vasco, Andalucía e Galicia.

A adxunta primeira ao defensor do Pobo de España destacou na súa intervención como a indudable mellora que na prestación dos servizos públicos introduciu a implantación destes novos sistemas de xestión. Esta trouxo aparellada á súa vez que os cidadáns incrementaran tamén os seus niveis de esixencia para coa Administración pública. “O cidadán dispón agora de máis información, coñece polo tanto mellor os seus dereitos e, ao contar con máis mecanismos para reclamar, polo que incrementa o seu nivel de esixencia”.

Para María Luisa Calvo de Llano,“un dos verdadeiros valores que as cartas de servizos administrativos teñen para os cidadáns ha de atoparse no feito de que, ademais de que poden supor un complemento dos dereitos recoñecidos nas leis administrativas, facilitan e melloran tamén o acceso e o coñecemento que deben de ter os cidadáns”

Segundo María Luisa Calvo de Llano, “a actividade da Administración cobra sentido cando está ao servizo do cidadán, que se converte así no usuario ou cliente, e non só xa nun mero administrado”.

A defensora do Pobo de Castilla-La Mancha, Henar Merino, o ararteko do País Vasco, Iñigo Lamarca, e o presidente e vicepresidente primeiro da FEGAMP, José Crespo e Manuel Lagares, participaron nunha mesa de debate onde reflexionaron sobre os compromisos adquiridos pola Administración e de como se leva a cabo esa eficiencia no marco das Administracións Públicas.

Henar Merino sinalou na súa intervención a importancia do compromiso da eficiencia no marco dos dereitos cidadáns nas administracións públicas e destacou a importante labor dos defensores do pobo á hora de controlar que a Administración cumpra os compromisos adquiridos cos cidadáns.

Pola súa banda, Iñigo Lamarca salientou a necesidade de que todos os cidadáns coñezan que dereitos lles asisten como primeiro paso no marco da defensa dos dereitos cidadáns nas administracións públicas de aí a importancia da elaboración das Cartas de Dereitos Cidadáns. Destacou tamén a necesidade de facer políticas de avaliación de calidade tanto do que fai a Administración coma do que non fai.

Dende a FEGAMP recalcouse a necesidade dunha educación que serva de base para crear cidadáns que poidan ter unha participación positiva na sociedade.

O obxectivo desta xornada era o de debater sobre todos aqueles temas que afectan aos dereitos cidadáns na súa relación coa Administración Pública servindo de foro de información e asesoramento sobre cuestións da vida cotiá que afectan a estes dereitos.

A celebración da mesma coincide no tempo co proxecto de Carta de Dereitos Cidadáns de Galicia no que a Xunta de Galicia está a traballar e coa que pretende detectar as necesidades e vixencia dos dereitos dos cidadáns galegos para a súa aplicación na mellora dos mesmos, buscando o impulso e desenvolvemento das súas liberdades como seres humanos.

A elaboración da Carta de Dereitos Cidadáns de Galicia responde ao compromiso adquirido pola Xunta de Galicia coa defensa dos dereitos sociais, co reforzamento da democracia e coa transparencia na Administración Pública.

Por iso, esta Carta recollerá os dereitos da cidadanía galega respecto das relacións que manteñan cos servizos públicos da Xunta de Galicia, así como respecto do desenvolvemento, potenciación e defensa dos dereitos básicos dos cidadáns en materias como a sanidade, a educación, o traballo, o benestar social ou as liberdades públicas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia