Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Constituido o comité de prevención de lumes de Galicia

Representantes da Xunta de Galicia e a Administración Xeral do Estado asinaron un protocolo para a constitución dun Comité Integrado de Prevención de Incendios de Galicia para establecer unha “estreita colaboración” entre todas as administracións públicas que posibilite e asegure a maior eficacia dos medios e recursos humanos empregados nas actuacións de loita contra os incendios forestais deste verán. “Adiantámonos ao inicio da campaña constituíndo o comité e temos unha previsión razoable de ter feito todo o posible en Galicia, para garantir que este ano os incendios non sexan un problema para a sociedade galega”, asegurou o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu.

O acordo -que foi asinado por Méndez Romeu, o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, o subsecretario do Ministerio de Interior, Justo Zambrana Pineda, e o director xeral de Política de Defensa do Ministerio de Defensa, Benito Federico Raggio Cachinero- establece que ambas administracións se comprometen a constituír un Comité Integrado de Prevención de Incendios en Galicia, presidido polo conselleiro de Presidencia e con representación dos departamentos da Administración estatal que colaboran de forma especial nesta campaña de incendios. Deste xeito, queda recollida a colaboración en diversas materias, especialmente no que se refire á achega de recursos humanos das Forzas e Corpos de Seguridades e das Forzas Armadas para a prevención e extinción dos incendios forestais en Galicia.

Dispositivos policiais

Segundo explicou o conselleiro de Presidencia, a participación da Unidade do Corpo Nacional de Policía adscrita á Comunidade Autónoma nas tarefas de prevención e investigación vaise aumentar como consecuencia do incremento desta Unidade -nuns 57 efectivos- ao que se chegou coa colaboración do ministerio de Interior, de xeito que durante a campaña acadaranse os 137 efectivos dedicados exclusivamente a estes labores (50 na Coruña, 25 en Lugo, 27 en Ourense e 35 en Pontevedra) máis unha forza de reserva táctica por se nalgún momento cómpre facer algunha investigación máis importante. Na actualidade –en precampaña, ata o 1 de xullo- están destinados a estas tarefas de prevención e investigación 110 efectivos.

Zambrana Pineda explicou, pola súa banda, que a Garda Civil en campaña terá implicados 1.521 efectivos, e que ás unidades orgánicas haberá que engadir os efectivos do Seprona, os de investigación e policía xudicial, os de información, os rurais, a Agrupación Rural de Seguridade e dous escuadróns de cabalería. Así mesmo, informou de que o corpo incorporará tres helicópteros.

O Corpo Nacional de Policía, segundo dixo, modificará os seus horarios e aos 137 axentes da Unidade adscrita sumará outros 140, co que serán preto de 280 efectivos volcados directamente nas tarefas de prevención. Ademais, contará cun helicóptero adicional.

Forzas Armadas

Polo que se refire ás Forzas Armadas, o subsecretario explicou que en situación de normalidade haberá un despregue de 23 patrullas, en convenio coa Consellería de Medio rural, e dous helicópteros dispoñibles. “Son tres os niveis previstos de esforzo, tal e como se organizan as Forzas Armadas; no caso de que fose preciso un maior nivel de esforzo a dotación de efectivos elevarase ata 50 patrullas, tres helicópteros e un para evacuacións –afirmou-. Nun nivel máximo de esforzo as patrullas poderían chegar a 75”.

Polo que se refire a Unidade Militar de Emerxencias (UME), Zambrano lembrou que está en fase de constitución e previsiblemente estará operativa de modo pleno en 2008, polo que nestes momentos dispón en todo o territorio nacional duns 800 efectivos -a previsión de totalidade superará os 4.000-. Desta fase de constitución previa, dixo, boa parte do que estaría dispoñible en León vai estar de facto en Galicia, en concreto en Marín, onde haberá un destacamento de preto dun centenar de persoas, cun helicóptero –este número podería incrementarse ata seis-, 6 motobombas e dous vehículos nodrizas.

Zambrano subliñou que os efectivos que ten a UME en todo o territorio nacional son facilmente despregables e poden acudir se as necesidades o requiren: “A UME é un mecanismo para facer que outras dispoñibilidades que teñan as Forzas Armadas poidan acudir con maior facilidade se se estima convinte ante unha emerxencia”.

Ademais, dende o Ministerio de Medio Ambiente se disporá a presenza de dous avións anfibios, dous de carga en terra, un avión de coordinación e unha brigada aerotransportada de modo permanente e en situación de risco habitual. O conxunto dos efectivos dos que vai dispoñer o Estado será de 69 medios aéreos en toda España, e de haber necesidade boa parte destes medios acudirían a Galicia, segundo explicou.

Detención de incendiarios

En canto aos datos relativos ás detencións de presuntos autores de incendios, o conselleiro de Presidencia indicou que se está a traballar de xeito moi intenso na coordinación preventiva e na coordinación de investigacións para detectar, deter e por a disposición da administración da Xustiza aos posibles autores. Nese sentido, sinalou que no que vai de ano foron xa detidas pola Policía Autonómica 38 persoas, ás que hai que sumar 70 detidos pola Garda Civil e un pola Policía Nacional; o que suma un total de 109 persoas.

Preguntado por un posible perfil do incendiario en Galicia, Méndez Romeu indicou que todos os detidos que foron levados diante do xuíz están sendo encausados, e que será a investigación xudicial a que determine a motivación e, no seu caso, a existencia dunha vontade delictiva previa e de calquera forma de asociación ilícita. “No momento actual hai un número importante de persoas detidas de todas as idades, de ambos sexos e cun perfil que de momento non permite extraer conclusións definitivas”, afirmou, engadindo que existe un “incremento continuo das persoas detidas e unha política de coordinación dos corpos policiais que busca o obxectivo de incrementar aínda máis a persecución das persoas que cometen ou provocan incendios, e do coñecemento e a proba desas actuacións que será o que permitan no seu momento ter condenas efectivas por resolución xudicial”.

Dispositivo de Protección Civil e 112 Galicia

Sobre o dispositivo de Protección Civil, esta intervirá nos incendios de nivel 1 e superiores, é dicir, aqueles que poñen en perigo bens non forestais. Nestes incendios realizará tarefas de coordinación dos bombeiros urbanos ou das cidades de máis 20.000 habitantes e os Grumir. En caso de precisar máis medios dará parte á Dirección Xeral de Protección Civil do Estado en Madrid que avisará ao resto de Comunidades Autónomas para instarlles a colaborar con Galicia. Ademais, formará grupos de traballo e colaboración coa Consellería de Medio Rural.

Como novidade e grazas a un acordo entre a Dirección Xeral de Protección Civil e a Dirección Xeral de Montes, este ano instaláronse equipos remotos nos servizos provinciais e centrais de incendios de medio rural para que coñezan en todo momento as incidencias que está a coordinar o Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia. Ao respecto, reforzouse nun 20% o número de equipos remotos en parques de bombeiros (municipais e comarcais), Policía Nacional, Garda Civil e agrupacións de voluntarios de Protección Civil. Actualmente cóntase con 80 equipos de xestión e 40 de información.

Así mesmo, durante os meses de xuño a setembro, reforzarase o número de operadoras telefónicas para a atención das chamadas de emerxencias e se contará cun grupo extra de reforzo para que, en caso de necesidade, se incorpore á sala de atención de chamadas. Ademais, segundo lembrou Méndez Romeu, está o novo protocolo de actuación, o Pladiga, que foi aprobado hai escasas datas polo Consello da Xunta e que establece uns niveis de intervención segundo o grado de importancia dos incendios que permitirá unha maior coordinación dos medios implicados na campaña.

Constitución do comité

O conselleiro explicou que a constitución do comité entre a Xunta e o Goberno Central se rexe polas normas habituais ante incendios forestais: “Este comité existiu xa o ano anterior, é o mecanismo normal de relación entre as administracións de acordo coas previsións do Plan de Emerxencia de Galicia e dos plans de Protección Civil do Estado. Cando cómpre establecer mecanismos de cooperación se constitúe un comité integrado, igual que cando hai un sinistro se constitúe un comité operativo”. Así mesmo, sinalou que o pasado ano o comité funcionou de xeito cotián e permanente durante todo o tempo que durou a situación de risco: “O esquema é semellante ao ano interior. Adiantámonos e constituímolo antes de que empece o período de máximo risco precisamente porque de todas as experiencias se deducen conclusións”.

Neste sentido, sinalou que na pasada campaña houbo en Galicia un nivel “elevadísimo, sen precedentes”, de medios da Administración do Estado –Ministerio de Defensa, Forzas Armadas, Garda Civil, Corpo Nacional de Policía e medios aéreos do ministerio de Medio Ambiente- e agradeceu a cooperación e as facilidades ofrecidos “en todo momento” para levar adiante “un nivel de resposta proporcional ao nivel de risco que representan os incendios forestais en Galicia”.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia