Continúa ata o 2012 o Plan de desenvolvemento económico e industrial para As Pontes

Esta achega orzamentaria permitirá seguir apoiando os proxectos xeradores de emprego que soliciten implantarse no concello das Pontes de García Rodríguez, axudas que serán complementarias ás outorgadas polo Instituto para la Reestructuración da Minaría do Carbón, polo Ministerio de Economía ou polo IGAPE. En todo caso, para recibir axudas deste acordo, os proxectos de nova creación deberán supor un investimento mínimo de 600.000 euros e contar xa co respaldo financeiro dos organismos citados.
Unha comisión executiva integrada por todas as partes asinantes fará seguimento dos proxectos, tanto dos implantados coma dos que soliciten axudas para a súa implantación, axudas que poderán acadar como máximo o 5% sobre a base considerada subvencionábel pola comisión. A comisión executiva controlará igualmente a asignación das axudas, que serán tramitadas pola Oficina de Promoción e Desenvolvemento Económico do Plan (OPYDE), a orde de execución dos avais e mais a orde de execución das parcelas da fase actual do polígono de Penapurreira e das sucesivas ampliacións do chan industrial que poidan facerse con fondos da minaría nas Pontes. En xeral, esta comisión decidirá sobre todos aqueles asuntos que estean vinculados directamente co desenvolvemento do acordo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia