Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Caleac desenvolve un proxecto de difusión do teatro e diversificación do ocio que inclúe máis dun cento de nenos residentes en áreas que presentan limitacións xeográficas

O proxecto que na actualidade afecta a tres grupos de traballo do concello de Cervantes procura estenderse a outras áreas da montaña luguesa. A meta desta proposta é diversificar o ocio e normalizar a vida dos pequenos de espazos que presentan limitacións xeográficas, tratando de ofrecerlles as mesmas posibilidades dos que viven en áreas máis grandes e menos illadas, segundo explica Alberte Alonso.
O traballo desenvolto por Caleac involucra a máis dun cento de cativos de Infantil e Primaria dos colexios de Donís, Doirás e San Román. O obxectivo principal céntrase na formación teatral dos nenos e dos seus monitores para que estes poidan continuar co traballo logo das sesións iniciais de expresión dramática programadas por Caleac. Para executar esta tarefa, os membros da compañía do Campus de Lugo traballamos con dinámicas moi sinxelas nas que potenciamos os aspectos expresivos e interpretativos dos xogos, para que máis tarde eles poidan compor sesións dramáticas cos recursos que xa coñecen, precisa Alberte Alonso.
Tras as sesións iniciais procúrase que os propios monitores e profesores de Cervantes involucrados no proxecto continúen co traballo de xeito autónomo. A idea é que isto sexa unha semente e a partir de eiquí faríase un traballo de seguimento con sesións de reforzo ao tempos que se introducirían dinámicas diferentes.
Cada unha das sesións programadas por Caleac Teatro dura aproximadamente unha hora e nela involúcrase aos pais, profesores e monitores.
Representación na Mostra de Teatro Cidade de Lugo
Por outra banda, Caleac Teatro abrirá o luns, día 10, a segunda semana de interpretacións da Mostra de Teatro Cidade de Lugo coa obra Juguem Tanoques, dirixida por Alberte Alonso e interpretada por Tamara M. Balsa e Rafa L. Pidre. Na trama dúas personaxes procuran con desesperación calquera actividade ou xogo que os libere dun sopor perpetuo. Con estas exploracións procuran saír da apatía que os consume ata que atopan a solución final. A obra desenvólvese baixo un filtro surrealista reforzado pola peculiaridade dos movementos e as expresións que empregan as personaxes. Deste xeito, predomina máis o traballo visual e coreográfico que o narrativo, o que non é óbice para unha importante profundización na personalidade dos protagonistas.
Gabinete de Comunicación USC