Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Un estudo vigués de arquitectura deseña o edificio xudicial de Vigo

O proxecto do estudio de arquitectura vigués formado por Jesús Irisarri e Guadalupe Piñeira foi o elixido polo xurado do concurso internacional de ideas para a construción do futuro edificio xudicial da cidade olívica. Segundo explicou o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, con esta resolución a Xunta está xa en condicións de contratar inmediatamente o proxecto construtivo -o que permitirá dispoñer del a mediados de 2008- e iniciar a licitación e a adxudicación das obras, co que, segundo avanzou, en 30 meses –a finais de 2009- “estarán traballando alí os profesionais da Xustiza”, xa que o obxectivo do Goberno “é que entre en funcionamento canto antes”.

O conselleiro subliñou que esta é unha obra ambiciosa, cun orzamento aproximado de 4,2 millóns de euros que se dividirá en varias anualidades, e indicou que a Xunta, nos seus orzamentos de 2007, xa ten consignada unha partida para o inicio dos traballos. “Ese proceso vai permitir que cando inauguremos, inauguremos un edificio completo, listo para funcionar, con independencia de que estea pensado para cubrir as demandas actuais e nun futuro a medio prazo –declarou-. Polo tanto, haberá espazos que se irán definindo no futuro a medida que se cren os novos xulgados en Vigo”.

Neste sentido, explicou que aínda que se conta cunha idea das necesidades inmediatas da planta xudicial en Vigo, cabe a posibilidade de que dentro dalgúns anos sexa necesario crear determinados xulgados especializados ou outros servizos transversais, xa que na actualidade está en marcha o proceso de modificación da oficina xudicial: “O edificio vai permitir esa versatilidade de ir adaptando o espazo ás necesidades que vaian xurdindo”.

Concurso internacional

Durante a presentación do proxecto ganador, Méndez Romeu fixo referencia ao concurso realizado, que garantiu a participación dos profesionais de arquitectura de todos os estudios interesados e que permitiu que o fallo se efectuase non con criterios administrativos nin burocráticos, senón coa participación da autoridade local, do Poder Xudicial e dos profesionais de arquitectura. Para isto asinouse un convenio co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) co obxectivo de facer un concurso “transparente, aberto e baseado exclusivamente na calidade”.

“O xurado fixo un traballo intenso, que cremos que nos permite ter o que estabamos buscando: un edificio de grande calidade, singular, que dende hoxe vai ser un icono da cidade, e tamén da planta xudicial en Galicia”, asegurou, destacando que o feito de que o proxecto final fose deseñado por un estudio de profesionais afincados en Vigo e recoñecidos no eido da arquitectura supón “unha característica engadida”.

Necesidades da planta xudicial

No período de tempo necesario para a construción do edificio, as necesidades da planta xudicial de Vigo se resolverán “coas posibilidades que ofrece a propia cidade”, segundo explicou o titular de Presidencia, quen lembrou que a Xunta está en conversas continuas co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e co alcalde para, na medida en que se van necesitando locais, ver cal é a solución máis acaída en cada caso.

O conselleiro indicou que na actualidade os principais obxectivos da Xunta no referido a necesidades pendentes son a apertura do xulgado nº14 este mesmo ano e a busca dunha solución aos problemas que plantexa o Rexistro Civil. Alén diso, lembrou que existe o compromiso da Xunta de impulsar a creación na cidade de Vigo dun xulgado do mercantil, se ben esa competencia a ten o Goberno estatal e depende dunha lei orgánica que necesita, para ser modificada, unha maioría parlamentaria.

Memoria do proxecto

O proxecto aposta por un basamento lineal onde se agrupan as salas de vistas, e ao que unha circulación independente dos traballadores e dos cidadáns permite funcionar de maneira flexible e óptima. Trátase dun espazo público, transparente á paisaxe e aos cidadáns, que permite o crecemento en fases do conxunto sen que este perda coherencia arquitectónica en ningún momento, á vez que respecta e se distancia sutilmente dos dous edificios xudiciais xa existentes, que constitúen arquitecturas propias.

Sobre este basamento da rúa xudicial situaranse as dez oficinas xudiciais, e baixo el -con accesos propios tanto para peóns como para vehículos-, nas seguintes fases, os xulgados de menores e ás áreas de forenses e de xulgado de garda. A súa construción non reportará molestias a traballadores nin público, pois se tratará case de obras de interior.

Os dous edificios xa existentes insértanse e súmanse ao complexo con naturalidade e axudan a conformalo. As pezas que acollen as oficinas xudiciais comunícanse entre elas, a distintos niveis, creando zonas de descanso e encontro para os traballadores, en galerías con vistas á ría. Plántexase así unha construción que aúne unha economía de mantemento coa necesaria relación co medio, e cunha óptima iluminación para as oficinas de traballo, controlando o soleamento.

No que se refire ás instalacións, o deseño arquitectónico permite un trazado que simplifica e optimiza recorridos. Cada bloque de seis oficinas xudiciais ten na súa cuberta o seu propio sistema de climatización, entre outros elementos, o que reduce recorridos e diámetros e permite unha fácil construción en fases. De aí distribúese ás salas inferiores e aos xulgados de menores e de garda e ao Instituto de Medicina Legal.

O fallo do concurso está dispoñible na páxina web do COAG, na dirección http://www.coag.es/novedades/.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia