Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Ferrol acolle o VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais

Máis dun cento de embarcacións procedentes de toda a Península Ibérica e de Francia participan na gran celebración da cultura marítima e fluvial galega en Ferrol.

O VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que está do 5 ao 8 de xullo no peirao de Curuxeiras, divulga o patrimonio marítimo mediante visitas, obradoiros, concertos, exposicións e encontros de especialistas.

A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, inaugurou o VIII Encontro, organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial e que conta co apoio da Consellaría.

As embarcacións participantes suman máis de 729 metros de eslora e abranguen unha gran diversidade: desde botes a gamelas, pasando por dornas, racús, bateeiros, lanchas polbeiras e mesmo un vello galeón. Polo seu tamaño, destaca entre todas a goleta francesa Recouvrance.

A maior manifestación de patrimonio marítimo da Península

Os Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebran cada dous anos, convertéronse desde os seus inicios en 1993 na maior manifestación cultural do patrimonio marítimo e fluvial da Península Ibérica. O VIII Encontro enmárcase nun especial ambiente de pulo á cultura marítima por parte da Consellaría de Cultura e Deporte. O departamento que dirixe Ánxela Bugallo está a levar por vilas e cidades de arraigada tradición marítima e fluvial a exposición Patrimonio do vento do sal: embarcacións tradicionais galegas, dentro do programa NaBeira.

Programa de actividades

Entre as actividades que terán lugar en Ferrol figura unha selección de exposicións e información sobre asociacións e museos galegos, portugueses, asturianos, vascos e bretóns unidos polo seu traballo a prol da cultura marítima e fluvial. Ademais, realizaranse obradoiros destinados tanto a nenos coma a maiores, a través dos que coñecer de preto os traballos das redeiras, dos cesteiros, dos modelistas navais e doutros oficios vencellados ao mundo do mar.

Unha das novidades a ter en conta neste evento será a realización de xornadas técnicas, que versarán sobre a creación dun novo marco normativo para as embarcacións tradicionais e clásicas. O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer o estado actual de uso e de protección xurídica das embarcacións tradicionais e clásicas, así como establecer liñas de traballo para o futuro de cara a elaborar un novo marco normativo común a nivel europeo para a conservación e catalogación das mesmas. Estas xornadas desenvolveranse a bordo do Hidria II, un antigo alxibe que durante o ano 2006 percorreu a costa galega dentro das actividades do Ano da Memoria da Consellaría de Cultura e Deporte.

Subir a bordo de embarcacións tradicionais

O Encontro servirá tamén para volver o ollar sobre a navegación clásica e tradicional a través de visitas guiadas sobre diferentes tipoloxías de barcos. Así mesmo, as persoas visitantes tamén poderán embarcarse a bordo dos buques clásicos ou ben nos botes de pasaxe da ría de Ferrol durante as regatas que se celebren

O Encontro estará amenizado durante os catro días por música tradicional, a cargo de grupos como Malvela, Viravolta, o Real Coro Toxos e Froles ou o grupo Os Raparigos. Desenvolverase tamén un ciclo de cine do Mar e desfiles de embarcacións tradicionais.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia