Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Entregados os premios de Deseño de Moda da Escola Superior de Allariz

O mundo da moda e os novos deseñadores galegos se deu cita onte pola noite en Allariz. O desfile de moda dos proxectos finais dos alumnos da promoción 2006-2007 de Deseño de Moda da Escola Superior de Deseño e Moda Felicidad Duce contou coa presenza do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, que entregou o primeiro premio concedido polo xurado deste certame. A Escola Superior de Deseño e Moda de Allariz acaba de recibir a homologación da Consellería de Educación que a coloca coma o centro de referencia da moda a nivel galego, un centro do que cada ano saen uns 20 alumnos que pasan automaticamente a traballar para os grandes deseñadores tanto a nivel galego coma estatal.


Esta Escola Superior de Deseño e Moda forma parte dun proxecto xeral que o Concello de Allariz está a levar a cabo e que está a converter a esta vila ourensá en referente no sector en toda Galiza. Así, ademais da labor de formación e apoio aos novos creadores, Allariz ten en marcha o único centro “outlet” de toda Galiza (e o terceiro do Estado xunto cos de Madrid e Barcelona), e ademais un Centro de Interpretación da Moda. Un proxecto no que a Xunta de Galicia, a través das Consellerías de Innovación e Vivenda, se está a implicar con actuacións decididas na aposta por este sector e a súa proxección. Ademais os máis importantes deseñadores galegos están a formar parte deste proxecto, apoiando coas súas firmas as iniciativas que se están a desenvolver en Allariz.


O Paseo da Alameda de Allariz foi onte escenario deste desfile de moda, no que os alumnos da Escola Superior de Deseño e Moda amosaron os seus proxectos de fin de curso, e deixaron patente a calidade das súas creacións e as cualidades que os converten nos novos creadores galegos máis desexados por todas as grandes firmas de moda.



Allariz conta cun proxecto para o sector téxtil asentado en tres puntais que complementan a actividade productiva que xa existe na zona. Dun lado o proxecto formativo, que se levou a cabo coa posta en marcha da Escola Superior de Deseño en Moda, a través dun convenio entre a Asociación Téxtil de Galiza, a Xunta e o Concello de Allariz. Esta escola vén de consolidar o seu traballo acadando a súa homologación como o centro de referencia na formación de novos creadores no sector da moda galega.


Outro dos puntais deste proxecto é o Centro de Interpretación da Moda, que fará un percorrido polo mundo da moda e o seu significado, analizando as súas implicacións sociais e económicas e servindo ademais como centro de traballo e actividade para as empresas do sector, xa que lles proporcionará infraestruturas para distintos eidos do seu traballo.


O terceiro piar no se que asenta este proxecto que está a converter a Allariz en referente no mundo da moda é a parte comercial, en marcha xa no centro “outlet” que xa funciona en Allariz e que ocupa toda unha rúa do casco histórico en locais rehabilitados nos que se están a instalar primeiras firmas da moda galega e de fóra do país, coma Adolfo Domínguez, Roberto Verinno, Mássimo Dutti, Levi Strauss, Dockers ou Pepe Jeans, entre outras moitas firmas de primeiro nivel.

Prensa vicepresidencia