Permanece aberta a inscrición para o obradoiro do 11º Salón do Cómic de Cangas

As sesións impartidas polo debuxante Luis Davila teñen carácter gratuíto, pero a Concellería considera preciso anotarse previamente para poder organizar os grupos de traballo. O obradoiro, para o que xa se formalizaron as primeiras inscricións, está especialmente dirixido a rapaces a partir de seis anos e o departamento municipal facilitará todo o material necesario para o seu desenvolvemento.
A inscrición pode formalizarse na Casa da Xuventude, na rúa Real número 29, ou no teléfono 986 39 21 71. O horario de verán é de 8.30 a 14.30 horas, de luns a venres.
Aprender cun profesional
O obradoiro organizado con motivo do 11º Salón do Cómic de Cangas permitiralles ós cativos iniciarse no mundo das viñetas cun debuxante profesional que lles aprenderá nocións básicas sobre técnicas de cómic, guión, debuxo e caricaturas. Deste xeito, os participantes poderán crear as súas propias historietas dándolle vida a un personaxe.
Luis Davila traballa como debuxante para varias publicacións e conta ademais con experiencia en pintura mural, ilustración e deseño gráfico. Son sonadas as súas tiras de humor gráfico e carticatura, e ten participado en numerosas exposicións colectivas.
Carmen Novas