Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Acordo do PSdeG e o BNG para a gobernación da Deputación de Lugo

Durante 24 anos, a hexemonía do Partido Popular na Xunta de Galicia e na Deputación Provincial de Lugo foi un obstáculo para que este órgano, deseñado para un modelo de organización territorial do Estado anterior á democracia e ó feito autonómico, se adaptase a esta nova realidade.

Así, dunha banda, a hexemonía do PP na deputación converteuse moitas veces nun obstáculo para reforzar a globalidade da acción pública na comunidade autónoma e avanzar nun modelo de organización administrativa do territorio adaptada á nosa realidade socio-xeográfica.

Doutra, as prácticas instauradas polo PP no goberno da Deputación, afastaron a esta institución da súa finalidade máis xenuína, a asistencia aos concellos, para servir de cobertura a prácticas políticas clientelistas incompatibles cunha concepción democrática do exercicio do poder e da relación cos cidadáns.

Os resultados electorais do día 27 de maio expresaron unha vontade de cambio por parte da sociedade galega en numerosas institucións locais desta provincia, vontade de cambio que tivo tamén reflexo na composición da Deputación Provincial de Lugo.

Respectuosos con esa vontade cidadá, o Partido Socialista de Galicia-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego expresan a súa vontade compartida de:

1. Impulsar unha nova organización administrativa do territorio galego, baseada en concellos, comarcas e áreas metropolitanas.

2. Apostar pola globalidade da acción política na Comunidade Autónoma galega. As políticas a implementar na Deputación Provincial deben incardinarse nas liñas directrices definidas polo poder galego, de acordo co Estatuto de Autonomía de Galicia que establece que os poderes da Comunidade Autónoma exércense a través do Parlamento, da Xunta e do seu Presidente. A Deputación debe concebir as súas relacións co poder galego en termos de cooperación e non de confrontación ou competencia.

3. Colaborar co Parlamento de Galicia na elaboración da futura Lei de Coordenación das Deputacións Provinciais e na elaboración dun plano único de obras e servizos.

4. Garantir os principios da ética e a transparencia na gobernación pública da institución provincial.

Compromisos programáticos


En aplicación dos principios devanditos, o Partido Socialista de Galicia-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego traballarán, nos diferentes ámbitos de actuación política, por:

1. Unha revisión das competencias exercidas polos diferentes niveis político-administrativos do noso país, a fin de evitar as duplicidades de prestacións de servicios ós cidadáns por parte destas institucións, e acadar unha racionalización do catálogo competencial.
Neste sentido o goberno da Deputación impulsará a reformulación da Sociedade Urbanística Provincial co obxectivo de establecer os necesarios mecanismos para unha adecuada coordinación cos diferentes departamentos da Xunta de Galicia competentes nesta materia.

2. Exercer os mecanismos de control no ámbito autonómico contemplados na Disposición adicional terceira do Estatuto de Autonomía de Galicia, que establece, entre outras cousas, que “A Xunta coordenará a actividade das Deputacións Provinciais de Galicia en canto afecte directamente ó interese xeral da Comunidade Autónoma, e para estes efectos uniranse os orzamentos que aquelas elaboren e aproben ao da Xunta de Galicia.” A estes efectos promoverase a comparecencia regrada dos/as Presidentes das Deputacións no Parlamento galego.

3. Conveniar e coordenar políticas coa Xunta de Galicia nos ámbitos nos que a Comunidade Autónoma é a titular das competencias.

4. Establecer como prioridade na acción política da Deputación de Lugo a cooperación e asistencia aos concellos introducindo baremos obxectivos na implementación destas políticas. Reparto dos recursos dos actuais, plans de cooperación de Obras e Servizos mediante criterios obxectivos (cota fixa, esforzo fiscal, número parroquias, poboación, superficie,…), con protagonismo na contratación e dirección por parte dos concellos.

5. Desenvolver os principios de subsidiaridade dos concellos con menos recursos e impulsar as accións mancomunadas dos concellos para mellorar os servizos aos cidadáns.

6. Completar a transferencia definitiva dos hospitais de San José e San Rafael á Consellería de Sanidade.

7. Iniciar o proceso de compensación aos concellos afectados polo canon enérxetico en colaboración con eles.

8. Colaborar na posta en marcha dos Parques Comarcais de Bombeiros na provincia.

9. Elaborar un novo Regulamento Orgánico da institución adaptado á lexislación vixente e que sirva de motor de democratización da Deputación.

10. Impulsar unha política de selección de persoal na que primen os criterios de concorrencia, igualdade de oportunidades, e transparencia informativa.

11. Impulsar a utilización do galego na Deputación, respectar o Plano Xeral de Normalización Lingüística e cumprir a Lei de Normalización Lingüística.





Aspectos organizativos

Para conformar unha maioría de goberno que garanta a aplicación dos principios anteriormente citados, o Partido Socialista de Galicia-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego ACORDAN formar un goberno de coalición na Deputación Provincial de Lugo, cos seguintes criterios:

1. A Presidencia e Vicepresidencia 2º recaerán nos/as candidatos/as do PSdeG-PSOE

2. As Vicepresidencias 1º e 3º recaerán nos/as candidatos/as do BNG

3. A Xunta Local de Goberno estará composta polo Presidente, 3 Vicepresidentes (con delegación de área) e 5 Delegados/as de área. Tratará e resolverá por consenso tódolos asuntos políticos antes da súa xestión, ou de ser elevados ó Pleno da Corporación.

4. Haberá oito áreas de xestión delegadas:
4.1. Economía, Facenda e Especial de Contas PSdeG-PSOE
4.2. Benestar Social, Igualdade, Xuventude e Turismo BNG
4.3. Promoción Económica e Emprego PSdeG-PSOE
4.4. Cooperación e Asistencia ós Concellos PSdeG-PSOE
4.5. Persoal e Réxime Interior PSdeG-PSOE
4.6. Cultura, Deportes, Educación e N. Lingüística BNG
4.7. Urbanismo e Medio Ambiente PSdeG-PSOE
4.8. Infraestructuras e obras PSdeG-PSOE

5. A Presidencia exercerá a dirección dos Servizos de Protocolo, Comunicación Social, edición do BOP, das TICs-Tecnoloxías Informativas e da Comunicación, do Parque Móbil e do Plano Estratéxico da provincia.

6. Os diferentes centros e/ou unidades adscribiranse ás Delegacións :
6.1. Benestar Social, Igualdade, Xuventude e Turismo:
a UPT- Unidade de Promoción Turística
6.2. Promoción Económica e Emprego:
o Centro de Artesanía e Deseño
a Granxa Gaioso Castro
6.3. Cultura, Deportes, Educación e N. Lingüística:
a Rede de Museos
o ILEA.
6.4. Urbanismo e Medio Ambiente
Centro Cinexético Pazo de Tor

7. Os tres grupos políticos contarán con local e medios técnicos, económicos e humanos para desenvolver o seu labor político.

8. A Xunta de Portavoces reunirase coa periodicidade necesaria.

9. O Consello de Administración do INLUDES estará formado polo Presidente, Vicepresidente 1º, 4 deputados/as do PSdeG-PSOE, 1 deputado/a do BNG, 1 deputado/a do PP e 6 membros de libre elección. Serán nomeados pola Xunta Local de Goberno, a proposta do Presidente, e ratificados polo Pleno.

10. O Padroado da Fundación TICs estará formado polo Presidente, 2 deputados/as do PSdeG-PSOE, 1 deputado/a do BNG e 1 deputado/a do PP e 2 membros de libre elección. Serán nomeados pola Xunta Local de Goberno, a proposta do Presidente, e ratificados polo Pleno.

11. Adquirese o compromiso de revisión e reformulación de tódolos regulamentos e/ou estatutos dos diferentes organismos autónomos, sociedades ou fundacións dependentes da Deputación para garantir a súa lexitimidade de acordo coa legislación vixente, a participación de todo os grupos políticos, a transparencia de xestión e a súa coordenación coas respectivas consellerías da Xunta de Galicia e outras administracións.


Seguimento dos acordos

No ámbito da Deputación de Lugo constituirase unha comisión paritaria para concretar e desenvolver a aplicación deste acordo.

PSdeG-PSOE / BNG