Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Máis de 10.000 persoas déronse cita en Vilalba na festa do programa Lecer para os Nosos Maiores

Máis de 10.000 persoas déronse cita na praia fluvial da Magdalena, en Vilalba, na festa do Programa Lecer para os Nosos Maiores que levar a cabo a Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Maiores chegados de todos os concellos da provincia de Lugo, doutros lugares de Galiza, e mesmo de Asturias e León participaron neste encontro, ao que asistiu tamén o vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana.

No inicio desta festa, Anxo Quintana explicou aos medios que un dos eixes do Programa de dinamización, atención e promoción social dos maiores da Vicepresidencia pasa por desenvolver medidas de atención á dependencia, entre as que se inclúe a construción de 6 novas residencias, dúas delas na provincia de Lugo; a creación de máis de 50 centros de día, dos que 15 estarían situados nesta provincia; así como a próxima posta en marcha de transporte adaptado e a extensión de servizos como a axudan o fogar ou do xantar a domicilio, entre outras medidas. Neste senso o vicepresidente destacou a importancia da posta en marcha do Sistema Galego de Atención á Dependencia, e apostou por situar á Galiza na vangarda da atención ás persoas dependentes.

Outro do eixes de traballo aos que se referiu Quintana é do levar a cabo iniciativas encamiñadas a acadar un envellecemento activo que abranguen actividades como o turismo termal e rural ou o programa Coñece o teu país, para achegar a xente maior ao patrimonio artístico e natural galego. “Para mellorar a calidade de vida das persoas maiores é preciso proporcionarlles a posibilidade de participar activamente na sociedade”, insistiu Quintana, ao tempo que subliñou a importancia das actuacións nas áreas de formación e novas tecnoloxías, no ámbito do lecer e das relacións sociais, así como programas relativos ao voluntariado, á solidariedade e ao diálogo interxeracional. Dentro deste apartado enmárcase esta xuntanza dos maiores de Vilalba porque, segundo Quintana, “a xente maior é experiencia, intelixencia, sabedoría e tamén lecer e alegría, xa que a vellez hoxe en Galiza é, ante todo, dinamismo, curiosidade e actividade”, afirmou.

Anxo Quintana fixo unha especial mención ao papel dos avós e avoas nas familias galegas, ao favorecer a conciliación da vida familiar e laboral polo apoio prestado no seo dos fogares. “É hora de empezar a falar da vosa importante contribución á nosa sociedade, tanto en termos de experiencia e coñecementos, como de aportacións económicas”, indicou.

Dende as dez desta mañá, case un cento de autobuses e vehículos particulares procedentes de todo Lugo, do resto de Galiza e das zonas limítrofes de León e Asturias foron chegando á praia fluvial da Magdalena de Vilalba, onde a Vicepresidencia da Xunta instalou os distintos espectáculos que amenizaron a xuntanza.

As Pandereteiras de Andrade, a Charanga de Vilalba, o grupo Buxos Verdes e a Asociación Xuvenil Entre Lusco e Fusco acompañaron o xantar das máis de 10.000 persoas que hoxe se deron cita na praia fluvial de Vilalba, onde tamén estivo o vicepresidente da Xunta, a secretaria xeral de Benestar, María Xesús Lago, a delegada provincial da Vicepresidencia, Branca Rodríguez Pazos, e numerosos alcaldes de toda a provincia de Lugo. A Orquestra Alianza e o Dúo D´Alba puxeron música dende primeira hora da mañá a este encontro.

Ademais do xantar, música e pasarrúas, no encontro leváronse a cabo outro tipo de actividades culturais coas que a Vicepresidencia confírelle a estes encontros un carácter multidisciplinar, lonxe dos tradicionais xantares populares nos que unicamente se reunía aos maiores para comer, sen ofrecerlles alternativas de ocio e cultura coas que aproveitar o seu tempo de lecer. Durante todo o día, no recinto desenvolvéronse obradoiros para coñecer os oficios e costumes de Galiza, con demostracións en vivo de artesáns, palilleiras, ourives e tecedores. Os xogos tradicionais tamén tiveron o seu espazo, con desenvolvemento de competicións pola tarde que contribuíron tamén a fomentar o intercambio interxeneracional. Mozos e mozas estiveron durante a xornada tocando instrumentos musicais, bailando e compartindo así un tempo de lecer cos máis maiores, favorecendo así o intercambio de coñecementos e vivencias entre novos e máis maiores.

Para facer posible este encontro, a delegación provincial da Vicepresidencia coordinou un amplo dispositivo, en colaboración co Concello de Vilalba, a policía local, a delegación de Sanidade, Cruz Vermella, Protección Civil e Garda Civil.

O Programa Lecer para os Nosos Maiores continuará o vindeiro mes de outubro coa celebración da festa de San Froilán en Lugo, e cos magostos de Ourense e Ferrolterra do mes de novembro. Os encontros do Lecer para os Nosos Maiores contan cun investimento global de 300.000 euros e buscan converterse nun espazo para fomentar o envellecemento activo dos maiores galegos, meta que a Vicepresidencia pretende impulsar a través de todas as súas políticas.
Gabinete de Comunicación da Vicepresidencia de Igualdade e Benestar da Xunta de Galicia