Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A Lei de Pesca recollerá medidas de protección e rexeneración dos recursos

O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, remarcou que o anteproxecto da Lei de Pesca, actualmente en fase de tramitación, recolle relevantes medidas de protección e rexeneración dos recursos mariños galegos”. “Vai haber pronto Lei de Pesca que recollerá iniciativas importantes”, aseverou o xefe do Executivo galego durante o acto de presentación da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos, en Lira, e na inauguración da nova lonxa pesqueira da localidade, acto no que estivo acompañado pola conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Galllego.

Segundo relatou o mandatario autonómico, entre as principais iniciativas recollidas na futura Lei de Pesca, atópanse a repoboación mariña e a introdución de especies; o acondicionamento mariño para favorecer a rexeneración, atracción e concentración das poboacións de peixes, crustáceos e moluscos; ou a potenciación das reservas mariñas de interese pesqueiro, destinadas á preservación dos recursos e dos ecosistemas que os sustentan. Emilio Pérez Touriño puxo como exemplo desta última a Reserva Mariña dos Miñarzos, a primeira de Galicia, que tivo a oportunidade de visitar esta mañá, e que, segundo subliñou, reúne as condicións idóneas para a reprodución, desova, cría e engorde de determinadas especies.

Áreas marítimas protexidas e rexeneración dos recursos
Na súa intervención, Emilio Pérez Touriño comprometeuse a seguir afondando na política de potenciación de áreas marítimas protexidas e, a este respecto, avanzou que se están a valorar iniciativas como o acondicionamento da franxa mariña próxima á Ría de Viveiro mediante a instalación dunha barreira de arrecifes artificiais; a creación dunha reserva mariña de interese pesqueiro na costa de Cedeira; ou outras actuacións en Corcubión, Camariñas e outras zonas “pendentes de avaliación”.

“É por todo iso polo que considero de especial importancia a experiencia que nesta Reserva Mariña de Os Miñarzos se vén desenvolvendo”, indicou ante as persoas presentes no acto de Lira, salientando que nesta aposta pola compatibilización de usos, pola diversificación económica a partir da pesca – abrindo novos escenarios para o turismo marítimo ou para a educación ambiental-, o Goberno que preside “estará sempre ao voso carón”.

De igual xeito, Touriño explicou que a nova política pesqueira do Goberno que preside está orientada, no que a protección e rexeneración de recursos mariños se refire, a conseguir dous obxectivos que cualificou de “irrenunciables”: a recuperación dos caladoiros e o apoio á flota pesqueira, en xeral, e á flota artesanal que emprega artes e aparellos tradicionais, selectivos e respectuosos co medio mariño, en particular.

Aposta polo medio ambiente e mellora das infraestruturas
O mandatario autonómico quixo resaltar ademais, a aposta do Goberno que preside pola protección dos recursos naturais e o desenvolvemento sustentable. “Non nos vai mal”, aseverou Pérez Touriño en relación ao novo modelo de desenvolvemento económico, sostible no tempo, posto en marcha pola Xunta que preside, lembrando que “estamos a marchar na dirección correcta”. “Nunca na nosa historia tivemos o nivel de paro que hoxe temos”, engadiu explicando que é o máis baixo dos últimos 25 anos (por debaixo do 8%) e animando a toda a sociedade a traballar para conseguir chegar ao pleno emprego, algo que, valorou, “é posible se seguimos a traballar na dirección correcta”. Xunto con isto, Touriño avogou por apostar pola educación e a innovación, xunto coa articulación do territorio, como motores de crecemento.

Así mesmo, o presidente da Xunta referiuse a importantes investimentos para a zona da Costa da Morte que, ao seu xuízo, “cambiarán de raíz” a situación de “atraso” á que foi sometida esta zona. “O 30 de outubro abriranse as plicas para a vía de alta capacidade da Costa da Morte” e en seis meses estará resolta a súa adxudicación, avanzou, lembrando que a Xunta investirá un total de 250 millóns de euros nesta actuación. Así mesmo, sinalou que se están a investir arredor de 180 millóns na infraestrutura viaria que desde Santiago a Brión –prevista para maio-, desde Brión a Noia –xa se licitaron as obras este mes de agosto-; e desde Noia a Outes e a Muros “vertebrará a costa, e se converterá nunha conexión imprescindible de accesibilidade e mobilidade”. “Estamos falando de 430 millóns de euros que están en marcha”, nesta zona, indicou Touriño asegurando que é precisa a vontade para sacar adiante os proxectos previstos no ”prazo comprometido, no horizonte inmediato dos próximos catro anos. E pódolles garantir que o imos facer”, concluíu.

Reserva Mariña dos Miñarzos

O xefe do Executivo autonómico resaltou, ademais, a importancia da creación da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos, que impulsada pola Confraría de Pescadores de Lira e polo conxunto da comunidade mariñeira de Carnota, se fixo realidade mediante decreto de creación o pasado mes de maio, e que constitúe a “primeira” de Galicia.

“Como saben, o Goberno que presido sempre compartiu a ilusión por esta iniciativa que non só redunda en beneficio da comunidade mariñeira de Carnota, senón que se transforma en exemplo para o resto do sector de baixura en Galicia”, subliñou Pérez Touriño engadindo que se trata dun exemplo de “principios irrenunciables”, como o mantemento da actividade pesqueira e do emprego, a consideración integral dos aspectos biolóxicos, económicos e sociais na xestión pesqueira ou a aposta pola recuperación dos stocks e da actividade pesqueira.

“A creación desta primeira Reserva Mariña de Interese Pesqueiro vén configurarse, pois, como unha ferramenta innovadora e indispensable para protexer e favorecer a rexeneración dos recursos pesqueiros impulsando a pesca e o desenvolvemento sustentable; a conservación e protección da flora e fauna do medio mariño e a súa diversidade; o fomento da sensibilización ambiental sobre o medio mariño, divulgando os valores pesqueiros e ambientais da costa galega; e a promoción de estudos científicos sobre as medidas de protección dos recursos e xestión das pesquerías”, engadiu o presidente galego ao respecto.

Así mesmo, Pérez Touriño tamén se referiu á activa participación dos profesionais e dos pescadores da zona no “gran proxecto” denominado “MardeLira”, unha iniciativa que sitúa a Lira como “punto neurálxico e central” no que respecta a innovación e identificación de novos espazos para a xeración de novos modelos de desenvolvemento apoiados na pesca sustentable.

“O proxecto ‘MardeLira’ reforza, polo seu valor engadido, unha produción pesqueira sustentada en 4 principios que, ao meu entender, caracterizan a súa peculiaridade”, explicou Touriño, aludindo á participación do conxunto de actores que conforman non só a propia confraría de pescadores, senón a totalidade da comunidade pescadora de Lira; á integración como elemento que fortalece o propio proxecto, provocando e alentando sinerxías e canles de relación que potencian todas e cada unha das súas accións; á asunción dunha responsabilidade compartida que conduce a actuar de xeito global; e ao respecto ao medio, como os catro eixes fundamentais do proxecto.

Touriño puño como referentes iniciativas concretas como Lonxanet Directo, S.L. (unha aposta pola comercialización directa a través de Internet, que no ano 2006 acadou unha comercialización de 600.000 euros); as actividades divulgativas e de sensibililización enmarcadas en MardeLira: o patrimonio pesqueiro (preto de 10.000 persoas teñen participado xa neste programa), a Rede de Comunidades Pesqueiras Artesanais polo Desenvolvemento Sostible (RECOPADES), a propia creación da Reserva Mariña ou o Plan de Repoboación do lumbrigante, proxectos, dixo, “que compartimos e apoiamos desde a nova política pesqueira que vén promovendo o Goberno galego”.

Nova lonxa de Lira

Por último, o máximo mandatario galego amosou a súa satisfacción pola inauguración da nova lonxa de Lira por canto que a apertura de novos servizos e infraestruturas públicas permite avanzar no camiño da cohesión e do reequilibrio territorial “co que moi sensiblemente está comprometido o Goberno galego”.

A nova lonxa, segundo explicou Pérez Touriño, contou cun investimento de case 600.000 euros e dispón de case 720 metros cadrados de superficie útil. Con esta nova infraestrutura, engadiu Pérez Touriño, o Goberno galego pon a disposición do pobo de Lira un servizo “necesario” para desenvolver o proceso de comercialización da pesca extractiva nas circunstancias que require o mercado, e con iso, reforzar o importante papel que xoga este Porto.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia