Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O IGC presenta a obra Un agasallo para Xaquín

O Instituto Galego de Consumo, coincidindo co inicio do curso escolar, organiza unha representación de teatro de monicreques na que se aborda o tema do consumo responsábel. “Un agasallo para Xaquín” é o título da peza teatral que porán en escena os Monicreques de Kukas. Esta representación enmárcase dentro da programación de actividades formativas e informativas que vai a desenvolver o Instituto Galego de Consumo para o curso escolar que agora comeza.

Con esta representación teatral búscase familiarizar aos máis pequenos coa existencia das relacións de consumo, tratando dun xeito ameno o tema do consumo responsábel. A obra narra as peripecias de Xaquín, un neno consumista que se alimenta unicamente de larpeiradas. No día do seu aniversario, Xaquín vive toda unha serie de peripecias que lle farán reflexionar sobre a súa actitude, mudando así os seus hábitos e converténdose nun rapaz crítico e consciente á hora de consumir.

A representación corre a cargo dos Monicreques de Kukas, a compañía de teatro de monicreques máis antiga de Galiza e unha das máis estables do panorama teatral galego. En todas as súas representacións móstrase o seu compromiso coa conservación do medio ambiente, deste xeito a vestimenta do protagonista da obra, Xaquín Xacolas, está feita aproveitando prendas de roupa usadas e toda a madeira empregada por Marcelino de Santiago para tallar os monicreques é reciclada.

As representacións, nas que a entrada é de balde, van dirixidas a todos os públicos e desenvolveranse consonte coa seguinte programación:

• A CORUÑA, sábado 15 de setembro ás 12:00 no Auditorio Fundación Caixa Galicia. Cantón Grande 21-23.
• FERROL, domingo 16 de setembro ás 12:00 no Salón de Actos do Edificio da Fundación Caixa Galicia. Praza da Constitución s/n. Cantón de Molíns.
• SANTIAGO, sábado 22 de setembro ás 12:00 na Aula Sociocultural da Fundación Caixa Galicia. Rúa da Carreira do Conde nº 18.
• LUGO, domingo 23 de setembro ás 12:00 no Salón de Actos da Fundación Caixa Galicia. Praza de Santa María s/n.
• VIGO, sábado 6 de outubro ás 12:00 no Auditorio do Centro Cultural Caixanova. Marqués de Valladares, s/n.
• PONTEVEDRA, domingo 7 de outubro ás 12:00 no Auditorio do Centro Social Caixanova de Pontevedra. Rúa Policarpo Sanz, 24-26.
• OURENSE, sábado 20 de outubro ás 12:00 no Auditorio Municipal de Ourense. Rúa da Canle 2.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia