Economía impulsa as novas tecnoloxías nos servizos telemáticos

A posta en valor das novas tecnoloxías e a súa aplicación e achegamento aos cidadáns, é unha das liñas prioritarias desenvolvidas pola consellería nos últimos dous anos nos que desenvolveu un plan de modernización e mellora de servizos orientado a facilitar os procesos de acceso á información e os trámites de carácter administrativo. As melloras introducidas na Administración electrónica permiten un maior achegamento aos cidadáns que poden realizar os seus trámites administrativos dun xeito máis áxil e cómodo utilizando as novas tecnoloxías das que dispón o servizo en liña da Xunta de Galicia. Evítanse así as esperas propias das actuacións presenciais e economízanse os desprazamentos ás delegacións. Entre os servizos que a Oficina Virtual da Consellería de Economía e Facenda pon a disposición de todos os cidadáns e dos empregados públicos pódense destacar:
- Confección de declaracións tributarias mediante sistemas de axuda para cada un dos impostos; e presentación telemática das mesmas.
- Valoración de bens
- Pago telemático en tempo real conectando coas entidades financeiras colaboradoras
- Consulta do estado da tramitación e presentación de recursos.
- Impresión de duplicados de documentos tributarios
- Obtención de certificados que avalen a realización dos correspondentes pagos á Comunidade Autónoma
- Consulta e modificación dos datos para levar a cabo as diferentes xestións económicas coa Comunidade galega.
- Servizos telemáticos para empregados públicos
As iniciativas e desenvolvemento da Oficina Virtual Tributaria e da Administración electrónica levase ao través do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico – Financeira e Contable (CIXTEC), ente de dereito público adscrito á Consellería de Economía e Facenda, que ten entre as súas funcións as de xestión, planificación, supervisión, asesoramento e coordinación dos distintos procesos informáticos de natureza tributaria, contable, orzamentaria e económico – financeira. Recentemente, a consellería de Economía e Facenda ao través do CIXTEC ven de recibir un galardón que recoñece a súa aposta pola aplicación das novas tecnoloxías de información e comunicación á prestación de servizos aos cidadáns. En concreto, recibiu o premio ComputerWorld 2007 ao ‘Proxecto Teconolóxico do Ano no Sector Público’. O galardón destaca a aposta que está a facer a Consellería pola Sociedade da Información e do Coñecemento, en especial polo recoñecemento do valor das novas tecnoloxías, a súa aplicación e o seu achegamento a todos os cidadáns.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia