Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Últimas xuntanzas da actual Executiva da Fegamp

A Federación Galega de Municipios e Provincias, á proposta do seu membro Xosé A. Sánchez Bugallo, e co acordo unánime dos membros presentes, integrados por todos os grupos políticos, aprobou hoxe unha declaración institucional da Fegamp en defensa do proxecto da Cidade da Cultura. Foi na reunión da Comisión Executiva da Federación, a última do mandato presidido por Xosé Crespo, na que se trataron distintos aspectos organizativos de cara á celebración da VII Asemblea Xeral da Fegamp, que se celebrará o vindeiro 22 de novembro en Santiago de Compostela, e na que se renovarán os cargos directivos da Federación.

BUSCAR UNHA LISTA ÚNICA DE CONSENSO

O presidente da Fegamp defendeu que “pretendemos unha lista única de consenso, de acordo cos nosos respectivos partidos” para que “a Fegamp sexa presidida por unha Executiva de consenso porque a forza desta casa está no consenso, se no municipalismo non falamos cunha voz única dificilmente imos ter quen nos escoite e dificilmente podemos reivindicar o que é noso”. Neste senso avanzou que a vindeira semana se reunirá a xunta de voceiros “para avanzar nos relatorios que se debaterán na VII Asemblea, así como nos mecanismos que nos permitan chegar a un acordo unánime sobre a composición da futura Executiva”.

Neste mesmo senso manifestáronse os vicepresidentes primeiro e segundo da Federación, Manuel Lagares e Francisco García, voceiros do PSdeG-PSOE e do BNG, respectivamente. Francisco García amosouse confiado en que “na medida do posible, esas características de consenso se poia seguir mantendo en base a correlación de forzas se poida seguir mantendo e que a interlocución co Goberno galego siga sendo unha interlocución fructífera para seguir conseguindo as reivindicacións que os concellos temos e que despois de que o Pacto Local marcase un punto de inflexión, no novo mandato debemos continuar avanzando na liña destes anos”. Manuel Lagares, a preguntas dos xornalistas, defendeu que “non hai ningunha decisión pechada” sobre a presidencia da Fegamp, aínda que defendeu a título persoal que o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo sería “un extraordinario candidato”. Francisco García insistiu en que neste proceso “haxa un amplo debate e que cada concello poida avalar as súas posicións, para que finalmente se poida subordinar o interese xeral e que non se caia no uso partidista da Fegamp porque prexudicariamos o municipalismo galego”.

RETOMAR ALGUHAS NEGOCIACIÓNS QUE REQUIREN “PREMURA”

Xosé Crespo destacou que “aínda que deixamos os temas de máis peso para o novo equipo, que están pendentes do Pacto Local” nos meses que quedan antes da Asemblea retomaranse as negociacións nalgúns asuntos que quedaron en stand by e que requiren ser tratados pola “premura”. Entre elEs Crespo referiuse a que desde a Fegamp váiselle pedir unha xuntanza á secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Carme Adán, e ao xerente do Consorcio de Servizos da Igualdade e do Benestar, Lois Pérez Castrillo, para defender o dereito que teñen os concellos de levar a xestión directa dos servizos, aínda estando adheridos ao devandito Consorcio. Segundo Crespo trataríase de que houbese un marco de comportamento igual para todos os concellos galegos.

Tamén indicou que a Federación ten pendente unha xuntanza co director xeral de Urbanismo, Ramón Saúl Lueje, para coñecer en que grao foron aceptadas as nove modificacións unánimes que propón á Fegamp de modificación da Lei do Solo, e que xa lle foron trasladadas á Xunta no pasado mes de marzo. Trátase agora, unha vez que se abra en novembro o proceso de adaptación da Lei do Solo galega á estatal, saber en que medida o Goberno autonómico asumirá as peticións pactadas polos tres grupos políticos da Fegamp.

Outro dos “flocos” que quedou pendente foi a liquidación correspondente ao Fondo de Cooperación Local do ano 2005, estimada en 6 millóns de euros, para o que a Fegamp retomará negociacións coa Consellería de Economía co fin de que esa partida se prorratee en 2008 e 2009 (período de vixencia do Pacto Local) . Nos dous meses que restan ata a celebración da Asemblea abordarase ademais a reestruturación

dos Grupos Municipais de Intervención Rápida (Grumir) cuxo novo mapa de distribución debería estar operativo en xaneiro de 2008, de acordo co establecido no Pacto Local.

A sinatura dun acordo marco coa Consellería de Medio Ambiente, a través do que se establezan axudas directas de planeamento aos concellos para facer fronte ao encarecemento que supón para os entes locais cumprir co requisito de avaliación ambiental e a continuación das negociacións coa Consellería de Educación para que en anos vindeiros continúe o proceso de ir asumindo os custos de mantemento dos centros de educación primaria (este ano asumiu os custos de gasóleo de calefacción) son outros dos asuntos que se negociarán nesta recta final de mandato. A idea da Fegamp é que no curso vindeiro se fagan cargo dos custos de electricidade, no seguinte dos de pequenas reparacións; co que só quedaría por negociar o tema do persoal deses centros.

CONSELLO FEDERAL

A continuación da Comisión Executiva, reuniuse o Consello Federal, máximo órgano entre Asembleas, na derradeira xuntanza do actual mandato. Nel aprobouse por unanimidade o orzamento da Fegamp correspondente ao ano 2007, que ascende a 1.442.276,03. Así mesmo procedeuse a convocar oficialmente a VII Asemblea Xeral para o xoves, 22 de novembro, a disolver o Consello Federal, e á delegar as competencias executivas de goberno á xunta de voceiros da Federación, para preparar principalmente o período de ordenación de cara á celebración da VII Asemblea.

COMIDA HOMENAXE-DESPEDIDA

Posteriormente, e ante a renovación de cargos aberta tras as eleccións municipais, que culminará coa celebración da VII Asemblea Xeral o 22 de novembro _coa elección dun novo presidente, así como dunha nova Comisión Executiva e dun novo Consello Federal_ a Fegamp celebrou un xantar-homenaxe de despedida aos membros que integraron os seus órganos directivos nos últimos catro anos de mandato.
Gabinete de Comunicación da Fegamp